Fútbol

100 anos da pioneira do fútbol nos medios, 100 anos de Irene González

A primeira referencia escrita da futbolista galega publicouse en 1924.Os ataques á porteira eran habituais na prensa de 1924. Hoxe, 100 anos despois, as xogadoras seguen sufrindo críticas por facer o que aman.
Os ataques a Irene eran habituais na prensa de 1924. Hoxe, 100 anos despois, as xogadoras seguen sufrindo críticas por facer o que aman. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Os ataques a Irene eran habituais na prensa de 1924. Hoxe, 100 anos despois, as xogadoras seguen sufrindo críticas por facer o que aman. (Foto: Nós Diario).

8 de marzo do ano 2024. Hoxe, os medios de comunicacións nacionais e estatais tinxen as súas páxinas de morado e ínzanas de informacións conmemorativas do Día Internacional da Muller, destacando os logros, conquistas e fazañas realizadas, así como reivindicando todo o camiño que queda por percorrer na loita pola igualdade real.

No eido concreto do deporte, a pesar de todo o loitado queda moito por facer. E iso que, casualmente, hai 100 anos os Xogos Olímpicos, como neste 2024, tamén se desenvolveron en París, chegando o diario ABC ao extremo da invisibilización feminina informando da chegada á capital gala para competir da lendaria Lilí Álvarez –tenista, piloto e activista feminista- definíndoa como "o Sr. Álvarez".

Paralelamente, en plena ditadura de Primo de Rivera e case ao mesmo tempo en que á tres veces finalista de Wimbledon lle cambiaban o sexo os redactores de ABC, a prensa galega falaba por vez primeira doutra muller que pasaría á historia do deporte, neste caso do fútbol: Irene González Basanta.

E, da mesma forma en que aconteceu no caso de Lilí Álvarez, non foi para destacar os seus méritos deportivos, senón para facerse eco dunha polémica no Monte de Piedade da Coruña xunto coa súa irmá Delfina e a súa nai Matilde, semanas despois da morte do patriarca da familia, atropelado por un tranvía, a comezos do 24.

O suceso, se ben deixou as mulleres da familia desamparadas –na época non existían os sistemas de protección social actuais e tiñan moito máis restrinxido o acceso a un mercado laboral desequilibrado e inxusto-, habilitaba para Irene a posibilidade de facer realidade o seu soño.

Como revelou nun documental de 2006 o xornalista Óscar Losada, Rodrigo García Vizoso -lendario gardameta do Deportivo falecido en 2009 con 100 anos de idade- era habitual que durante a súa infancia se escapara, a pesar da oposición paterna, a xogar ao fútbol cos mozos do barrio no Campo da Estrada, recibindo como castigo os golpes do seu pai "porque non lle gustaba que andara con rapaces".

Así, e como se dun efecto bolboreta se tratase, unha traxedia abríalle de par en par as portas para dedicarse á súa paixón a unha muller que tornaría na gran pioneira do fútbol galego, e da que a segunda referencia nos medios da época –datada en maio dese ano 1924- xa era, por fin, para falar da súa condición de deportista, aínda que sen deixar de lado o ton paternalista co que se trataba ás mulleres, e máis nun eido como o deportivo –e especialmente o futbolístico- que era interpretado como coto exclusivo dos homes, cualificándoa de "noviña que trae de cabeza, como adoita dicirse, ao famoso Zamora".

Esa forma de referirse á súa figura desde o xornalismo non se circunscribiu aos seus coetáneos, pois xa en 1988, a 60 anos vista da súa prematura morte a causa da tuberculose, Pedro de Llano recollía nun libro a descrición dun "vello afeccionado que só a coñecía de vela xogar" inzado de xuízos de valor e comentarios machistas: "Alta, con boa complexión, pero un tanto marimacho, que é como entón chamaban ás mulleres hombrunas".

Eses tópicos ofensivos non ficaron nos 80, e as herdeiras de Irene sobre o terreo de xogo, as Vero Boquete, Mari Paz Vilas, Pauleta, Tere Abelleira e compañía aínda padecen hoxe ataques polo mero feito de ser mulleres, cuestionándose unha redes sociais cheas de toxicidade non só o seu nivel sobre o céspede, senón incluso o seu dereito a quen amar fóra del.

Comentarios