Crítica de cinema das sextas feiras

A xustiza polo que teña a man

revenge2
photo_camera Un fotograma do filme

REVENGE

(Francia 2017, 108 min.)

Dirección e guión: Coralie Fargeat

Fotografía: Robrecht Heyvaert

Música: Robin Coudert

Elenco: Matilda Lutz, Kevin Janssens, Vincent Colombe, Guillaume Bouchède, Jean-Louis Tribes

 

SINOPSE

Como cada ano, tres amigos quedan para ir de caza ao deserto. Esta vez, un deles leva a súa amante que levanta inmediatamente o interese dos outros dous. A cousa complícase para ela ata límites insospeitados mais, lonxe de se amedrentar, decide vingarse.

 

CRÍTICA

“Asombrosa, salvaxe, sanguenta, gore…”, con estes, e outros cualificativos similares, foi definida a ópera prima de Coralie Fargeat que, como o seu propio título indica, vai de vinganza. A cineasta francesa, recoñecida fan de David Cronenberg, aposta por unha historia eminentemente feminista na que prevalece a xustiza pola man... ou, mellor dito, polo que atope a man.

 

Contén moitos puntos en común co filme de culto de 1978 I Spit on Your Grave de Meir Zarchi no que unha muller era violada por un grupo e decide vingarse. En Revenge a protagonista en cuestión está interpretada pola italiana Matilda Lutz, que tamén aparecía ese mesmo ano na prescindíbel secuela Rings de F. Javier Gutiérrez. Acada unha moi notábel interpretación física pasando de ser unha coqueta aspirante a modelo que vai pasar un feliz fin de semana co seu amante (un chuliño de manual que por riba é cazador) a atoparse soa no deserto a punto de morrer, rexurdir coma ave fénix (atención a esta secuencia), e converterse nunha letal psicópata asasina cun só obxectivo na mente: a vinganza.

 

Fargeat, que tamén escribe o guión, realiza un inquietante thriller de terror no que pon de manifesto tres dos arquetipos machistas que máis adoitan xurdir nestas circunstancias. Non só queda retratado o “violador” propiamente dito, senón tamén o “indiferente” e o que “xustifica” o feito… Todos eles culpábeis e todos eles van levar o seu brutal merecido.

 

Divertida, noxenta, atrevida e emocionante a partes iguais. Mantén o pulso narrativo durante toda a metraxe grazas unha mestura de suspense, acción, mortes bizarras e sangue… litros e litros de sangue. A moreas. Pero antes da orxía gore final, garda un ás na manga deleitándonos cun brillantísimo plano secuencia sen cortes onde homenaxea a escena máis controvertida de Promesas do Este, do seu benquerido Cronenberg, pola que xa paga a pena ver o filme e que, de seguro, foi determinante para o recoñecemento que obtivo no Festival de Sitges onde recibiu o Premio á Mellor dirección e tamén o Premio Citizen Kane á Mellor dirección novel.

 

Un pequeno gran filme de serie B con apenas dous escenarios (a casa e o deserto) e catro personaxes (a vingadora e os tres mangallóns) feito con moito agarimo e grandes doses de cinefilia. Ademais de Cronenberg e Zarchi, con ou sen intención, asoman tamén reminiscencias a filmes coma: Kill Bill (2003, Quentin Tarantino), Mad Max (1979, George Miller), Os outeiros teñen ollos (1977, Wes Craven) ou, inclusive, Duelo ao sol (1946, King Vidor). Un cóctel cinéfilo marabillosamente sádico e xusticeiro para goce dos sentidos máis primarios. Mágoa que pase coma un lóstrego pola carteleira…

 

 

Comentarios