A Xunta presenta, mais unha vez, un Plan de dinamización da lectura
O director xeral de Cultura, Anxo Lourenzo, compareceu onte, a petición propia, ante a comisión de Educación e Cultura do Parlamento da Galiza, para dar conta dos contidos dun Plan de dinamización da lectura que a Xunta da Galiza elaboraría "nos últimos anos".
Quérese dicir que compareceu "outra vez", xa que a Xunta presentou un plan parecido en 2018 sen que se teña noticia de que se aplicase até o de agora. Como lembrou a deputada do BNG Mercedes Queixas, o Goberno galego non só non implementou aquel plan, senón que chegou a votar en contra das múltiples iniciativas parlamentarias da formación nacionalista que instaban o executivo a pólo en marcha.
Onte, Lourenzo presentou un plan que partía dunha situación aparentemente idílica para o libro e a lectura na Galiza. Lourenzo, por exemplo, tirou de estatísticas para presumir de que, segundo o Barómetro de Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España 2024 o índice de lectura na Galiza é superior á media estatal. Mais esqueceu mencionar que ese mesmo documento informa de que menos do 4% da poboación da Galiza prefire ler en galego e que só un 6,1% declara que o último libro que leu estaba na lingua propia do país. Tivo que lembrarllo a oposición.
Conflitos co sector
En todo caso, a Xunta di marcarse como obxectivo lograr que o 70% da poboación lea libros por ocio no seu tempo libre polo menos unha vez ao trimestre, que o 60% de persoas o faga como mínimo unha vez á semana e que un 70% lea libros en galego de maneira habitual ou ocasional.
Para iso debullou unha serie de medidas –semellantes ás do presunto plan de 2018– que contemplan a dinamización social da lectura, o reforzo do papel das bibliotecas como centros de dinamización cultural, a consolidación da industria galega do libro, a actuación nos centros educativos e a renovación dos instrumentos de participación, análise, investigación e innovación do ecosistema do libro.
Lourenzo afirmou que o plan era o resultado dun "proceso de escoita" con "recepción de achegas de distintas organizacións e entidades que se sumaron á diagnose da situación". Porén, non especificou cales eran esas organizacións: o dato permanece sendo un segredo xa que as principais asociacións do sector do libro galego declaran non ter noticia ningunha deste plan da Xunta nin ter sido consultadas para a súa elaboración.
De feito, Lourenzo ignorou os múltiples conflitos co sector do libro que o Goberno galego arrastra desde hai anos: o mundo do libro acusou o Goberno galego de "descoñecer a realidade do sector" e de incumprir sistematicamente a Lei do Libro e da Lectura de 2006; manifestou reiteradas veces o seu descontento coas axudas ás traducións literarias; os editores galegos asumen a xestión da súa participación nas Feiras Internacionais do Libro prescindindo da mediación da Xunta; e as asociacións deixaron de asistir ao Consello Asesor do Libro alegando que "non se vehiculan solucións ou saídas aos principais problemas" do libro galego.
Lourenzo tamén asegurou que a Xunta ten asignados para este plan, entre 2025 e 2029, un total de 32 millóns de euros. Pero isto tamén formula enigmáticos interrogantes, xa que nos Orzamentos Xerais da Galiza tampouco existe mención a ningunha partida destinada a este fin.


