Contracultura

Xisco Feijóo: "A nosa música tradicional ten unha orixe moi antiga, mais é actual, está viva e na mocidade"

Xisco Feijóo (Vigo, 1973) fecha a xira de Peixe con dous grandes concertos: mañá en Lugo e o 1 de decembro en Vigo. Feijóo analiza as aprendizaxes deste disco, o primeiro seu en solitario, así como os plans de futuro que ten para a súa carreira.
O músico Xisco Feijóo actúa mañá en Lugo e a sexta feira en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera O músico Xisco Feijóo actúa mañá en Lugo e a sexta feira en Vigo. (Foto: Nós Diario).

—Que lectura fai tras o percorrido de Peixe?
Constante aprendizaxe. É unha cousa nova porque até o momento só fixera traballos discográficos como colaborador. Estou moi ilusionado e creo que foi un proceso moi satisfactorio en xeral, coas súas luces e as súas sombras, evidentemente, mais foi unha maneira de ver que é posíbel, que se pode. Ao final estás xestionando en cada momento como cres que podes facelo e ás veces non vai tan ben. Para min é unha marabilla chegar aos 50 anos e lanzarte a facer algo así, algo tan diferente ao que se espera quizais porque non estou mirando cara á xubilación. Cando empezas tampouco es consciente do que vai vir, que son cousas boas, mais tamén outras que non o son tanto. É un sistema completamente diferente de vida porque non tes un soldo a fin de mes, precisas ter unha inversión constante, tamén traballo e concentración de maneira continua sen ter un horario estabelecido... Como digo eu, é algo que te fai sentir continuamente adolescente. 

—A nivel musical, Peixe mestura o tradicional co contemporáneo, mais entendido dunha maneira singular, non?
Cada vez que falamos de algo contemporáneo temos en conta a definición da propia palabra, mais é algo que pode describir moitas cousas. Para a xente de antes unha muiñeira era popular e un foxtrot era contemporáneo. Hoxe en día hai xente do heavy metal facendo ritmos foxtrot. Facer mesturas e inclusións de cousas de tempos pasados en tempos modernos pode ser atractivo, atrevido, mais é que a nosa música tradicional, aínda que ten unha orixe moi antiga, é actual. Está viva. Está na rúa e na mocidade. 

Trátase dun produto contemporáneo tamén en si mesmo de maneira que é moi sinxelo mesturalo con outras cousas que nacen nestes tempos. Non é tan complicado. Na popularidade xúntanse todas as tendencias e todas as liberdades. Por exemplo, mulleres que tocaban a pandeireta nos seráns, logo emigraron a Suíza integrando as súas músicas e ao volver á Galiza viñan coa pandeireta e tocando temas dos Beatles. Ao final a mocidade sempre demanda cousas novas.

Quizais os recuperadores somos máis fechados no sentido de non querer mover formulismos nin tendencias, cando a xente de antes era unha esponxa que absorbía totalmente cousas novas sen ningún tipo de pudor.

—Falando do disco dicía que resumía todo aquilo que queremos ser e non somos, mais tamén todo o que somos e non desexamos. De onde vén esta idea?
Con Peixe non quixen facer algo exactamente autobiográfico, mais si un relatorio de sucesos: relacións que tiven, como as interpretei, certos momentos nos que reaccionei de maneira madura e tamén outros nos que a miña realidade parecía tan fechada como a Idade Media. Aínda que intento facelo dunha maneira divertida, e de feito se non reparas na letra non te dás de conta, si fala de todo isto. Peixe é unha especie de catálogo de como aprender de todas estas cousas. 

—Que vén agora?
Nos concertos estarei colaborando con moita xente, amizades, que levan anos dedicándose a recuperar a nosa tradición, tamén persoas coas que vivín cousas marabillosas. Ademais, o concerto de Vigo vaise retransmitir por streaming para a xente que non pode vir. Por outra parte, cando decidín facer o disco e apostar por esta vida non tiña ningunha intención de levarme á autoexplotación. Quero vivir unha vida nova, experimentar. Que a propia vida me vaia sorprendendo con cousas diversas.

Sacarei un tema novo cun videoclip que me encanta e vai ser a primeira peza audiovisual que eu dirixa. Por iso tamén me gusta falar dunha evolución de Peixe cara a outros lugares, porque hai cousas que non quero perder. Agora mesmo déixome levar, iso si, sen deixar de traballar.

Comentarios