A TVG 'celebra' o 30 aniversario do Xabarín Club... suprimindo a icónica faixa da merenda

As series da tarde pasarán a vindeira semana, cando o Xabarín fará 30 anos, ás 9 horas da mañá, segundo puido saber 'Nós Diario'.
O porco máis bravo da televisión leva tres décadas en antena. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O porco máis bravo da televisión leva tres décadas en antena. (Foto: Nós Diario)

O Xabarín Club naceu o 18 de abril de 1994 para amenizar as merendas de miles de nenos e nenas do país —e de parte do Bierzo e o norte de Portugal— cunha ampla e moi atractiva oferta de series e un formato rompedor que marcou un antes e un despois na programación infantil. A vindeira quinta feira o veterano Xabarín fará 30 anos emitindo de forma ininterrompida, mais, lonxe de lle pór unha torta con 30 candeas para soprar, a TVG non ten previsto celebrar o aniversario de quen, ironicamente, parabenizou os de media Galiza durante tres décadas.

E non só iso, senón que, segundo puido saber Nós Diario, a constante redución do seu tempo en pantalla ao longo dos últimos anos culminará, precisamente na semana da efeméride, a televisión pública prevé suprimir a icónica faixa das merendas, o último reduto de 'rebeldía' que lle quedaba ao porco bravo na TVG2, pois era cando se emitían series orientadas a un público xuvenil, principalmente 'anime' xaponés, con destacados títulos como O detective Conan ou Sakura. A noticia transcende, curiosamente, nun novo 'Venres Negro', o número 308 dos convocados polo movemento Defende a Galega, moi involucrado tamén co 'Xabarín', desde que iniciou as protestas na primavera de 2018.

Esta significativa mudanza, que chega cando xa se tiña previsto actualizar a grella a partir do 22 de abril, farase efectiva a vindeira segunda feira, día 15, e esta hora e media de series pasará a emitirse a partir das 9.30 horas nos días laborábeis —cunha pausa dunha hora polo medio, pois a primeira faixa vai de 7 a 8.30h—, inmediatamente despois da faixa 'espertador' que abren cada día contidos para os máis cativos. Ocuparán, pois, un horario no que o seu público obxectivo non poderá gozar delas, dado que os rapaces e rapazas estarán nese momento na escola.

O popular programa, aínda presente na memoria —e os corazóns— dos case 150.000 socios e socias que conseguiu nestes 30 anos, non fixo máis que minguar, en tempo e recursos, nos últimos tempos. Após a pandemia xa perdera a faixa do mediodía, deixando en algo menos de seis as horas de programación infantil de segundas a sextas feiras, e agora, despedíndose tamén das merendas, pasará a contar cun único espazo a primeira hora do día.

Xabarín, o 'súpercocho' a quen deu forma Miguelanxo Prado e voz Juanillo Esteban, seguirá reducindo así a súa xa escasa presenza en antena, pois agora desaparecerá a 'cortinilla' coa que se despedía das crianzas a primeira hora coa promesa de voltar á hora da merenda. Unhas merendas que nunca volverán ser as mesmas.

Reportaxe sobre o 30 aniversario do Xabarín Club

Este mesmo sábado, 13 de abril, a revista cultural Sermos Galiza —publicada todos os sábados canda o xornal Nós Diario— abrirá precisamente cunha ampla reportaxe que analiza a evolución do Xabarín Club desde o seu nacemento en 1994 até a actualidade, da man de diferentes fontes que o viviron en primeira persoa.

Comentarios