O 30 aniversario do Xabarín Club, Marta Lado e Moncho Valcarce, no 'Sermos Galiza' do sábado

Neste novo número do semanario, á venda este sábado 13 de abril por 3,20 euros xunto ao xornal 'Nós Diario', entrevistamos a actriz Marta Lado, abordamos a evolución do Xabarín Club e falamos do legado de Moncho Valcarce.
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como é habitual, este sábado, 13 de abril, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta volta a protagonista é a actriz Marta Lado (Fisterra, 1981), a quen entrevista Vanesa Sotelo logo de facerse co Premio María Casares á Mellor Actriz Protagonista pola súa defensa de Helena, a heroína do espectáculo Unha inimiga do pobo co que Talía Teatro conseguiu un total de sete galardóns.

"No fondo, a función do teatro creo que é o que intentan facer as redes: focalizar, resumir e dar unha ilustración. Busca situarte, darche un contexto, concentralo de maneira que poidas entender o básico e que consiga moverte algo. Non me parece pouco", comenta Lado nesta extensa entrevista.

30 anos do 'Xabarín Club': "Queda alguén aí?"

Xabarín faise vello. O vindeiro 18 de abril alcanza os 30 anos ininterrompidos presentando un programa que transcendeu da pantalla e deu nome a toda unha xeración. Hoxe, aínda que non todo o mundo o sabe, o Xabarín Club aínda existe. Segue ao pé do canón, de 'porco presente', e, se ben dispón de cada vez menos tempo e recursos e non recibe o trato que lle correspondería a un exitoso veterano coma el, está a piques de chegar á cifra redonda dos 150.000 socios e socias. Tres décadas despois de irromper nos televisores de todo o país para mudar para sempre o concepto de programación infantil cabe preguntarse: que queda daquel Xabarín? Na reportaxe de apertura deste Sermos, o xornalista Yuri Carrazoni Mier analiza a súa evolución con diferentes fontes que a viviron en primeira persoa.

Hoxe preguntar polo Xabarín Club trasládanos ao paradoxo formulado polo físico Erwin Schrödinger: Xabarín está vivo e morto ao mesmo tempo. "Está conectado a un respirador asistido, pero iso non quere dicir que non poida recuperarse", considera o dobrador Uxío Couto. "É todo cuestión de vontade política", asegura, entre outros, Manuel Arca, hoxe tradutor e dobrador e antano orgulloso socio dun club do que aínda leva o carné na carteira.

Moncho Valcarce: un símbolo para Galiza

Hai 31 anos que nos deixou Moncho Valcarce, pero a súa lembranza está viva. Moito máis nestes tempos nos que o capitalismo salvaxe e depredador intenta unha vez máis poñer as gadoupas sobre os nosos recursos naturais, a nosa cultura, o noso idioma… Mudaron os nomes (Fenosa e caciques de medio pelo) por outros como Altri, Iberdrola ou eólicas. Moncho está vivo porque a súa loita fainos máis fortes. A segunta reportaxe do semanario corre a conta de Xácome Santos e versa sobre a inmortal figura de Valcarce.

"Moncho procede dunha familia da burguesía comercial da Coruña. Estuda Dereito pero a esmorga, as troulas e –como el mesmo ten escrito – a "descalabrada vida", fan que abandone a carreira no último ano e entre no seminario. Misterios da vida este paso tan radical; se cadra foi a conxunción de diversas causas. Ou como, ten escrito, 'por unha vea de misticismo'", sinala Santos.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Anxo González Guerra achégannos as novidades no sector literario, a comezar por A soidade das nenas, de Miriam Beizana (Xerais, 2024); e Xoguetes para un tempo prohibido, de Carlos Casares (Galaxia, 2017).

No apartado musical, Lois Agrelo analiza o disco Grampoder (selo independente), de PM, e achegamos tamén outras novidades e recentes estreas do panorama musical galego. Aliás, Xurxo Souto asina o artigo 'Vigocorunhenta', na liña do seu especial sobre o 30 aniversario do movemento da música bravú.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Un rei supermono (Dick Zondag e Ralph Zondag, China-EUA), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. E Ramsés Pérez fálanos de como a torcaza toma a urbe na sección Ir ás aves. Aliás, Carlos L. Bernárdez fala de Amand-Durand no Museo de Artes do Gravado de Ribeira.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza esta sexta feira, 29 de marzo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios