Camilo Franco lerá nos María Casares un Manifesto que defende un teatro que poña "o mundo a andar”

Porque o teatro precisa a difusión para existir, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) escolleu ao xornalista Camilo Franco para ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro na gala dos XVIII Premios María Casares que terá lugar o próximo xoves 27 de marzo. 

A AAAG destaca a contribución de Camilo Franco á difusión da actividade teatral durante toda a súa traxectoria.  “O teatro precisa da información e da crítica. Hai un grupo de profesionais da comunicación que desenvolveron este traballo necesario. E escollemos a Camilo Franco como un representante claro desta función tan importante para nós”, sinala desde a AAAG  o seu presidente Avelino González. Con anterioridade a Camilo Franco, o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez e o ex-presidente da Academia e escritor Xosé Luís Méndez Ferrín foron os encargados de ler o manifesto do teatro. 

Segundo anuncian desde a organización, Camilo Franco defenderá no seu texto a  necesidade de “atender e entender o teatro para solucionar os problemas do mundo”. Ao seu ver” na escena temos un espello para  decatarnos de que somos moi malos: querémonos mal e matámonos moi ben”  e dálle ao teatro posibilidades para “poñer o mundo a andar”.

Comentarios