CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

E se Van Gogh foi asasinado?

lovingvincent2
photo_camera Un fotograma do filme

LOVING VINCENT

(Polonia-Reino Unido-EUA 2017, 94 min.)

Dirección: Dorota Kobiela e Hugh Welchman

Guión: Dorota Kobiela, Hugh Welchman e Jacek Dehnel

Fotografía: Tristan Oliver e Lukasz Zal

Música: Clint Mansell

Elenco: Douglas Booth, Helen McCrory, Saoirse Ronan, Jerome Flynn, Aidan Turner, Robert Gulaczyk, John Sessions, Eleanor Tomlinson

 

SINOPSE

Un mozo comeza investigar o suicidio de Vincent Van Gogh motivado polas incógnitas que deixou unha carta, incompleta, dirixida ao seu irmán Théo.

 

CRÍTICA

65.000 fotogramas pintados ao óleo, un a un, por unha equipa de máis de 100 pintoras e pintores que mesturaron a máis moderna técnica esteroscópica en 3D coa técnica tradicional pictórica empregada por Vincent Van Gogh. Máis de dous anos levoulles rematar a encomenda. Mais non é a primeira vez que se pon en práctica este laborioso método de animación pois, precisamente, a propia codirectora, Dorota Kobiela, xa utilizara unha técnica similar no 2011 na curtametraxe Little Postman. A idea consiste basicamente en filmar a secuencia con actores e actrices de carne e óso e despois pintar enriba ao óleo. Unha maneira do máis orixinal de renderlle homenaxe artística a unha das figuras máis importantes da pintura contemporánea universal.

 

A historia sitúase despois da morte de Van Gogh que, lembremos, suicidouse cun tiro no peito deixando unha misteriosa carta inacabada ao seu irmán. O carteiro de Arles, Joseph Roulin (Douglas Booth), pídelle ao seu fillo Armand (Chris O’Dowd) que entregue persoalmente esta carta póstuma ao seu destinatario: Théo Van Gogh. Cando Armand descubre que Théo morreu hai pouco, comeza a falar coa xente do lugar que tivo relación con Van Gogh cuestionándose, cada vez máis, todo o concernente á morte de Vincent. Inicia entón unha obsesiva investigación que o conducirá á verdade...

 

Un filme de corte policial con moitas semellanzas a unha historia de Agatha Christie: intriga, pistas, entrevistas, trampas, sospeitas, máis entrevistas, máis pistas, máis sospeitas, máis trampas... Así hora e media. Atúrase ben e, de feito, engancha pola súa sinxeleza, mais resulta unha trama demasiado repetitiva e, sobre todo, bastante frouxa para un filme tan monumental como Loving Vincent. Acho que merecía bastante máis... Pero tamén é xusto dicir que o que se conta é o de menos cando podemos entrar, literalmente, nos cadros de Van Gogh en movemento. Están practicamente todos... non só os cadros de paisaxes, cafeterías, estancias ou bodegóns senón tamén os retratos. Si, tiveron o acerto de que todas as personaxes fosen as personaxes reais que saen nos retratos que pintou, caracterizadas e interpretadas, entre outras, por caras coñecidas, e non tanto, como: Saoirse Ronan (Lady Bird), Aidan Turner (O Hobbit), Jerome Flynn (Bronn en Xogo de tronos) ou Robert Gulaczyk, que pon cara ao xenial tolo do pelo vermello.

 

Un fito na historia da animación, unha obra de arte en movemento. Paga a pena contemplar unha marabilla como Loving Vincent, cando menos, unha vez na vida.

 

Comentarios