CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

O Universo DC en caída libre

liga2
photo_camera Un fotograma do filme

A LIGA DA XUSTIZA

Justice League

(Reino Unido-Canadá-EUA 2017, 120 min. – Superheroes) 

Dirección: Zack Snyder

Guión: Chris Terrio e Joss Whedon

Fotografía: Fabian Watner

Música: Danny Elfman

Elenco: Ben Affleck, Gal Gadot, Ezra Miller, Jason Momoa, Amy Adams, Henry Cavill, Ray Fisher, Ciarán Hinds, J.K. Simmons, Jeremy Irons, Connie Nielsen, Diane Lane, Robin Wright, Billy Crudup

SINOPSE

Bruce Wayne/Batman debe recrutar un grupo de metahumanos que faga fronte a unha nova invasión alieníxena que ameaza con destruír o planeta.

CRÍTICA

Continuación directa de Batman vs. Superman (2016, Zack Snyder) onde xa se presentaba brevemente a Liga da Xustiza formada por Batman (Ben Affleck), Wonder Woman (Gal Gadot), Superman (Henry Cavill), Flash (Ezra Miller), Aquaman (Jason Momoa) e un tal Cyborg (Ray Fisher). Como se supón que Superman morre na anterior, tamén hai que supoñer que na Liga da Xustiza vai resucitar dalgunha maneira... Vaites, faltoume poñer aquilo de “alerta spoiler” pero, coma sempre digo, “a cantidade de spoilers é inversamente proporcional á calidade do filme”, así que o aviso vai ser máis ben: “alerta, morea de spoilers”.  

Dirixe novamente Zack Snyder, xunto con Joss Whedon, director das dúas primeiras de Os Vingadores (de Marvel, ollo) e tamén coguionista desta, pero sen acreditar xa que se encargou das tomas que houbo que repetir, que semella que houbo unhas cantas... De feito coméntase que houbo unha manchea de problemas na produción desta, valla a redundancia, superprodución. E o resultado corrobora as sospeitas...

Para comezar hai un exceso de CGI que dana á vista. Moita pantalla verde mais con efectos especiais sorprendentemente cutres para o orzamento co que contaban: 250 millóns de euros, que se di pronto. Convida a pensar que gran parte foi parar para pagar ás estreliñas e que logo se viron obrigados a parchear, descoidando o conxunto final... Por suposto que hai escenas moi boas, tanto na realización como no acabado (faltaría máis) pero o conxunto é pobre. A secuencia de Superman cabreado destaca por encima de todo. É unha escena crucial chea de posibilidades mais cágana ao descabrealo tan rápido. Mágoa... Aquaman tamén pide a berros ter máis máis presenza, e Flash, como alivio cómico que é, está tamén desaproveitado con brincadeiras ocorrentes e outras non tanto. Ao final un queda coa sensación que quedaron moitas cousas no tinteiro da sala de montaxe porque senón non se entende certas resolucións falidas. 

Se no momento cheguei defender a actuación do Batman/Ben Affleck en Batman vs. Superman agora xa non podo. Non hai por onde collelo. Fatal. Wonder Woman é unha sombra do spin-off que tivo e que foi estreado este mesmo ano. Conta con frases explicativas do tipo “o lazo obrígache a dicir a verdade”... grazas Wonder Woman, de verdade... grazas por aclaralo. Tampouco podo coa personaxe de Cyborg/Ray Fisher. É unha personaxe ridícula que non pinta nada... NADA!

O do malo malísimo é xa para dar de comer aparte. Unha sorte de demo cun machado que se fai chamar a si mesmo “devorador de mundos”. Cutre non, o seguinte... En ningún momento hai a sensación de que vaia devorar nada nin destruír nada. De feito vai a Rusia a un pobo abandonado tipo Chernobyl onde unha familia rusa está atrapada na súa pequena casa rusa feita de madeira rusa (que curiosamente lembra á do vídeo de Radio Ga-Ga de Queen) asediada por demiños que se alimentan do medo mentres o supermalo dedícase a facer o mal reunindo tres caixas para “atrapalos a todos, e atalos nas tebras”... Todo moi tolo e moi simple.

En fin, peor que Suicide Squad non é pero, de seguir nesta liña, o Universo DC vai en caída libre sen remedio, e non se albiscan indicios de que vaia levantar o voo... 

Comentarios