O derradeiro encargo de Aurora Bernárdez

O derradeiro encargo de Aurora Bernárdez ía ter un singular sotaque galego. Á tradutora e albacea testamentaria e editora da obra de Cortázar quedáballe aínda un labor pendiente para o que buscara a complicidade do escritor Francisco X. Fernández Naval. 

Aurora Bernárdez e Julio Cortázar
photo_camera Aurora Bernárdez e Julio Cortázar

París despedía a pasada sexta feira a galega Aurora Bernárdez, tradutora e albacea de Julio Cortázar, con quen casara. Aurora deixaba, no ano do seu centenario, a edición da obra de Cortázar pronta mais quedáballe aínda un labor importante por facer. Publicar a obra galega do seu irmá Francisco Luís Bernárdez, encargo que lle fixera ao escritor galego Francisco X. Fernández Naval. 

“Ordenado todo Julio, desde o punto de vista literario e xurídico, agora quero ordenar ao meu irmá e voume dedicar a iso, mentres non me fallen as pernas e a cabeza”, dixo Aurora

O escritor Francisco X. Fernández Naval dubida da posibilidade de levar a fin o último encargo de Aurora Bernárdez. Coñecera a aquela muller que agora lembra como intelixente, literaria e sedutora na busca das conexións galegas de Julio Cortázar, ás que lle dedicou dous libros. Respirar polo idioma e O soño galego de Julio Cortázar. “Resultoume raro que aínda ninguén o fixera”, dixéralle Aurora cando coñeceu as súas pretensións de se adentrar no mundo galego do escritor. Iniciouse entón unha relación que ía durar até a súa morte o pasado sábado en París, aumentando en confianza até ser o propio Fernández Naval o depositario de seu último encargo: compilar e publicar a obra de Francisco Luís Bernárdez, seu irmá escritor e xornalista. 

Ao escritor galego conmoveulle aquel último encargo de Aurora Bernárdez. Foi ela mesma quen lle transmitiu a súa vontade de afrontar agora, xa rematado o traballo de edición da obra de Julio Cortázar ao que ese entregara, a catalogación e edición dos escritos do irmá, e, moi especialmente, da obra galega, encomenda para a que consideraba a Fernández Naval a persoa acaída. O escritor mostráralle entón nunha conversa as súas dúbidas sobre o academicismo dun traballo dese tipo, formato ao que el non se adaptaba. “Por iso mesmo quero que sexas ti”, respondeulle Aurora, nun dos varios contactos que mantiveron entre maio e xuño deste mesmo ano, cando, con xa máis de noventa anos, víase aínda con forza para iniciar unha nova aventura, a de desvelar os escritos inéditos de seu irmá para o que ela era un elo imprescindíbel. 

“Ordenado todo Julio, desde o punto de vista literario e xurídico, agora quero ordenar ao meu irmá e voume dedicar a iso, mentres non me fallen as pernas e a cabeza”, díxolle Aurora a Chisco Fernández Naval por volta do mes de xullo, segundo el conta na súa páxina persoal A noite branca. 

O escritor lembra a forza literaria de Aurora, o que percibiu desde aquel primeiro encontro en París hai dez anos. Non ten dúbida algunha de que a ela é a quen se debe a conexión galega máis forte de Julio Cortázar, á marxe da relación que o escritor mantivera con Seoane, Dieste ou Porrúa. Aurora é a que trae a Cortázar en dúas viaxes a Galiza, das que hai un extraordinario álbum fotográfico onde se lles ve en Lourido -Poio-, Baiona ou Santiago de Compostela e tamén é ela a que decide e xestiona a cesión do arquivo fotográfico e videográfico ao Centro Galego de Artes da Imaxe. 

“Quíxena e quéroa moito. Sempre me chamou a atención o seu xeito natural de vivir e de contar as cousas, falase de quen falase, ela que conviviu con boa parte da literatura universal do século XX. Era xenerosa, divertida, culta, irónica e, sobre todo, sedutora, aínda agora”, escribe Fernández Naval, dunha opinión compartida por moita xente que a coñeceu, como quedou á vista despois da súa morte o pasado sábado. De Aurora Bernárdez agardábase a súa obra inédita. Pola súa intelixencia, a forte presenza no ámbito literario bonaerense e parisino -en especial entre o círculo do boom- , a súa faceta de tradutora dos grandes e a súa inmensa creatividade, adiviñábanse relatos e novelas que nunca viron a luz. O seu era un papel de mediadora, en primeiro lugar de grandes escritores e escritoras que ela traduciría ao español e despois, do legado de Cortázar, de quen se responsabilizaría con grande rigorosidade. 

Italo Calvino, Albert Camus, Lawrence Durrel, Simone de Beauvoir, Navokov, Faulkner, Flaubert ou Jean Paul Sartre son algúns dos autores que Aurora traduciu, en traballos de grande calidade que lle valeron o recoñecemento no ámbito literario. Compartía o oficio da tradución con Julio Cortázar, un dos moitos, moitísimos a dicir de quen os coñecía, puntos de conexión dunha parella que, malia a separación, mantería unha intensa relación durante toda a vida. 

Coñecera a Cortázar en Bos Aires, onde Bernárdez se graduara en Literatura, despois de ter pasado unha parte da súa infancia en Galiza, país de orixe dos seus pais Francisco Bernárdez e Dolores Novoa. Catorce anos estivo casada con Julio Cortázar, unha relación intensa que había de continuar, doutra maneira, cando, despois da morte de Carol Dunlop, a súa última muller, Aurora coide ao escritor até a súa morte en 1984, producida por unha leucemia. 

A confianza literaria

Que Aurora Bernárdez foi a primeira lectora de Rayuela e que as súas bágoas ao fin da lectura confirmaron, para Cortázar a calidade da obra é un episodio repetido nos relatos arredor do autor, seguindo como fonte primeira ás declaracións do editor Francisco Porrúa. Con el márcase que Julio tiña en Aurora, máis alá da persoal, unha confianza literaria da que recibía consellos e asesoramento e que, finalmente, o levou a depositar nela todo o seu legado para que se ocupara do coidado da obra máis alá da súa morte. 

Aurora Bernárdez continuaba vivindo na mesma casa en París que compartira con Cortázar, no apartamento da Place du Général Beuret, no distrito XV, que mercaran despois do escritor cobrar a tradución das obras completas en prosa de Edgar Allan Poe. Tamén niso era literaria a súa vida. A correspondencia, obras inéditas ou libros arredor do escritor ocuparon os trinta anos que Aurora se puxo á fronte da obra de Cortázar, da que quedaban ao seu cargo caixas de escritos, documentos e cartas ademais dunha inmensa biblioteca e un importante arquivo que ela mesma xestionou, até pouco antes da súa morte. De 2012 é aínda a edición completa da súa correspondencia e este ano estaba ao tanto das conmemoracións polo centenario do autor, aínda que non se atopara en condicións de viaxar a Bos Aires. 

Galiza no mapa de Cortázar

O escritor Chisco Fernández Naval percibía que, dun tempo a esta parte, “sentía a chamada de Galiza” e nese reclamo pode ser onde se enmarque a teima de recuperar a figura de seu irmá o xornalista e escritor Francisco Luís Bernárdez, que desenvolveu na Arxentina un importante labor literario mais do que case se descoñece o seu vencello coa Galiza, país no que viviu varios anos da súa vida e no que, entre outras cabeceiras, traballou en El Pueblo Gallego. De talante católico, Francisco Luís Bernárdez mostrara no primeiro momento unha certa adhesión ao franquismo mais o asasinato dos seus amigos Roberto Blanco Torres e García Lorca afastárono para sempre do réxime ditatorial. 

Desa figura na que estaba afondando, Francisco X. Fernández Naval recupera a memoria de infancia da irmá que rememoraba con melancolía os tempos de Lago e Dacón, en Maside e mesmo debuxaba con claridade aquel atardecer compartido nunha viaxe a cabalo ou aquela función relixiosa na igrexa construída polo seu avó. En Bos Aires, Rosalía, Castelao ou Blanco Amor, amigo do irmá, eran materia de conversa e o escritor recorda que Neira Vilas lembra ter visto a Aurora e a Cortázar aló polos anos cincuenta nunha conferencia de Paco Luís Bernárdez sobre Rosalía na capital arxentina. “Non teño ningunha dúbida de que é Aurora quen sitúa Galiza no mapa de Cortázar. Quixo facelo e conseguiuno”, afirma Francisco X. Fernández Naval ao tempo que dubida de que, na súa ausencia, poda verse cumprido aquel seu derradeiro desexo. 

Comentarios