Crítica de cinema das sextas feiras

A última entrega da saga X Men... e a peor de todas!

fenix1
photo_camera Un fotograma do filme

X-MEN: FÉNIX ESCURA

X-Men: Dark Phoenix

(EUA 2019, 113 min.); Dirección e guión: Simon Kinberg; Fotografía: Mauro Fiore; Música: Hans Zimmer; Elenco: Sophie Turner, James McAvoy, Michael Fassbender, Jessica Chastain, Jennifer Lawrence, Nicholas Hoult, Tye Sheridan, Evan Peters, Alexandra Shipp, Kodi Smit-McPhee, Scott Shepherd

SINOPSE

Tras unha misión espacial, Jean Grey absorbe unha radiación cósmica que potencia os seus poderes pero tamén se converte nunha ameaza. O profesor Xavier e os seus pupilos tratarán de deter a deriva de Jean cara ao lado escuro.

CRÍTICA

Última entrega da saga X-Men antes de poñerse mans á obra coas variantes de Novos Mutantes (en modo terror) e X-Force (en modo comedia para maior gloria de Deadpool e compañía). Un desenlace que debería ser colosal, mais resulta ser a peor de todas. Non me gusta nada poñer a caldo un filme así como así, pero é que non me queda máis remedio...

Para empezar a trama é idéntica (con matices, obviamente) á de X-Men: días do futuro pasado, tamén guionizada —oh, sorpresa!— por Simon Kinberg. Se naquela era Mística (Jennifer Lawrence) a que pelexaba contra si mesma para non caer no lado escuro, agora é Jane Grey (Sophie Turner) quen fai o propio. E xa está. Basicamente X-Men: Fénix Escura vai diso. Apenas hai subtramas e as que hai son puro espellismo. Concretamente hai unha moi prometedora ao inicio do filme que presenta un Profesor Xavier (James McAvoy) nunha interesante deriva egocentrista pero, de súpeto, queda en nada.

Tampouco hai picos de humor, como si había en todas as anteriores. Prescinden incluso da gran baza que era Quicksilver (Evan Peters) con esas escenas a cámara lenta nas que resolve a papeleta; non aparece ningún mutante despregando poderes minimamente cómicos; e, claro, tampouco anda Lobeto por aí soltando algunha pulla oportuna, pois Hugh Jackman abandonou o rol de mutante con garras de adamantium após Logan (2017, James Mangold). Así que todo queda en un melodrama solemne e afectado con escenas de acción puntuais en modo automático.

Os malos resultan ser uns extraterrestres liderados por unha Jessica Chastain loura platino que nunca dá sensación de ser unha ameaza para a humanidade. Magneto (Michael Fassbender) vive nunha comuna hippie de mutantes pois para a mente ianqui debe resultar doado asociar os (mutantes) malos con “comuna” e os (mutantes) bos con mansións de luxo. E Sophie Turner (Jane Grey) viste un rol protagonista que lle queda demasiado grande para as súas aptitudes pero claro... había que aproveitar o tirón dos últimos estertores da serie Xogo de Tronos onde interpretaba a Sansa Stark.

X-Men: Fénix Escura desenrólase nos anos 90, igual que Capitá Marvel (estreada este mesmo ano) pero, a diferenza desta, non semella haber unha aposta clara por situarnos na época noventeira. E se hai alguén na sala que tamén detectou reminiscencias a filmes como Hidden (1987, Jack Sholder) ou Lifeforce (1985, Tobe Hooper) sinto dicirlle que cheiran máis a “mera coincidencia” que a homenaxe premeditada.

En fin, todo un despropósito. Todo demasiado descoidado. Todo mal. Impropio dunha produción deste calibre. Tanto foi así que os produtores, teméndose o peor, estiveron a piques de lanzala directamente ao DVD ou para algunha plataforma de vídeo baixo demanda. Mágoa que decidiran non facelo...

Comentarios