Crítica de cinema das sextas feiras

Un thriller nas vésperas da ditadura arxentina

vermello2
photo_camera Un fotograma do filme

VERMELLO

Rojo

(Arxentina-Brasil-Holanda-Francia 2018, 109 min.)

Dirección e guión: Benjamín Naishtat

Fotografía: Pedro Sotero

Música: Vincent van Warmerdam

Elenco: Darío Grandinetti, Andrea Frigerio, Alfredo Castro, Diego Cremonesi, Rudy Chernicoff, Laura Grandinetti, Susana Pampín

 

SINOPSE

Claudio, un reputado avogado, agarda tranquilamente pola súa muller na mesa do restaurante onde quedaron para cear. De súpeto un mozo alterado comeza a discutir con el sen motivo aparente. Claudio humilla o mozo e bótao do restaurante. Máis tarde, de volta para casa, Claudio e a súa muller son interceptados polo mesmo rapaz, decidido a tomar vinganza.

 

CRÍTICA

Na súa terceira longametraxe, Benjamín Naishtat constrúe un inquietante thriller que desenrola, non por casualidade, nos meses previos ao inicio da ditadura arxentina. Concretamente en 1975.

Plano fixo dunha casa. Ábrese a porta. Sae unha persoa con gabán, sombreiro e bastón. Carga cun reloxo de parede. Ábrese de novo a porta. Sae unha moza cunha chaqueta vermella nas mans. Vólvese abrir a porta. Aparecen dous homes. Portan un televisor de tubo. Detrás deles unha señora cun espello. E así... Dous minutos de plano fixo onde acabamos de presenciar a primeira alegoría: o saqueo do país. Como esta hai un cento. De feito, o título xa é unha mensaxe conceptual en si mesma...

Aínda que esa casa vai ter máis adiante a súa particular importancia na historia, o filme céntrase en Claudio (Darío Grandinetti), un avogado aburguesado que é vítima dun desafortunado encontro cun xoven alterado (Diego Cremonesi) no medio dun restaurante de luxo. Após unha forte discusión, a cousa precipítase e Claudio debe tomar unha drástica decisión que vai mudar o rumbo da súa vida para sempre. Ou iso pensamos. Porque o certo é que, a medida que avanza a trama, comezamos ver que o bo de Claudio non é tan inocente como aparenta. Claro, que a xente da que se rodea tampouco é moito mellor...

Cada plano, cada posición de cámara, cada detalle, cada frase... todo conta algo, todo ten a súa transposición ou paralelismo ao que aconteceu a partir do golpe de estado do 24 de marzo de 1976. Secuestros, torturas, asasinatos, corrupción, saqueo das arcas, control dos medios, censura, queima de libros... En definitiva: terrorismo de estado ao máis alto nivel. Habería que estar moi atentos, e coñecer medianamente ben a historia da Arxentina, se queremos que non se nos pase ningunha das metáforas. Pero tampouco hai que se preocupar demasiado porque esa non é precisamente a pretensión do filme.

O guión de Benjamín Naishtat está vestido a propósito coas claves típicas do cine negro e das novelas de Dashiel Hammett e Raymond Chandler. Unha excelente estratexia para gozar dun bo filme de xénero á vez que captamos a mensaxe que nos quere transmitir case sen nos dar de conta. O detective chileno que interpreta Alfredo Castro (O club, A cordilleira), aparte de pedir un spin-off a berros, encárgase de darlle un ton novelesco e cínico cunha personaxe pasada de voltas a camiño entre Philip Marlowe, Sam Spade e Colombo. Séntalle moi ben á trama pero ao mesmo tempo desentoa. Desconcertantemente xenial.

Naishtat concibe un enxeñoso thriller, deses que podes ver moitas veces e sempre descubrir algo novo, para describir unha sociedade arxentina putrefacta, violenta, indiferente, clasista, amoral, cómplice... Un caldo de cultivo perfecto para que xurda a semente da ditadura. Como así foi... Uns vimbios sociais moi similares aos descritos en filmes como M, o vampiro de Düsseldorf (1931, Fritz Lang), O ovo da serpe (1977, Ingmar Bergman) ou A cinta branca (2009, Michael Haneke), que advertían e mostraban unha sociedade enferma e perfectamente preparada para que xerminasen dúas Grandes Guerras, e o fascismo, naquela incipiente Europa do século XX.

Ao remate de Vermello xorde unha dúbida desacougante... Está a sociedade actual nese punto?

Comentarios