Máis

O tesouro de Rocas

O mosteiro de Esgos une arte e natureza.
O altar rupestre da igrexa do antigo mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, comarca de Ourense). / Nós Diario
photo_camera O altar rupestre da igrexa do antigo mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, comarca de Ourense). (Foto: Nós Diario)

E entre a Ribeira Sacra e a cidade de Ourense, construcións de séculos pasados 'xorden' da masa vexetal e mimetízanse nela. Na estrada de Nogueira de Ramuín con Esgos, ambos os concellos na comarca de Ourense, un desvío que sobe o monte chega ao mosteiro de San Pedro de Rocas, que data do século VI. Este pequeno complexo relixioso situado en Esgos foi fundado para a vida contemplativa e para albergar a súa igrexa, que data do mesmo século aínda que foi reformada posteriormente e, ao igual que o mosteiro, está encravada sobre as rochas.

É un fiel reflexo da vida eremita. Coa época musulmá, abandonouse para seguidamente renacer como mosteiro con ordes relixiosas cuxa xerencia trocou varias veces, e tamén foi pasto do lume dúas veces, feito que alterou a estética e estrutura dos edificios.

Finalmente, un incendio no principio do século XX, en plena decadencia da institución, parecía significar a fin de moitos séculos de vida, mais pouco tempo despois foi declarado Monumento Histórico-Artístico

Entrar no mosteiro é facer unha viaxe a un pasado pouco coñecido

Fendeduras no chan rochoso que servían de tumba aos moradores, un altar rupestre onde se ofrecía misa, antigos frescos nas paredes e unha magnífica contorna chea de árbores son só parte do encanto singular que ten o encrave, e que sorprenderán as persoas que o visiten. 

Ademais, nas potentes vistas dos arredores destacan o Pazo de Rocas e os numerosos bosques de coníferas. Un fermoso lugar que porén, nos últimos anos, sufriu fortes danos.

As obras de remodelación da estrada de titularidade provincial que leva cara ao mosteiro destruíron parte do camiño histórico e do solo protexido, máis dun cento de árbores foron cortadas e o leito fluvial do regato de Rebordoverde foi alterado. Estímase que foron máis de 5.000 os metros cadrados de patrimonio desaparecido nesta actuación e que, desde o principio, a mobilización social tratou de impedir, sen éxito, para preservar o monumento.

Comentarios