Teresa Moure presenta a banda deseñada do Zeca Afonso no Carballiño

OzocoGZ acolle o acto do novo libro sobre o cantor portugués.
A escritora e profesora Teresa Moure (Foto: Nós Diario).
photo_camera A escritora e profesora Teresa Moure (Foto: Nós Diario).

A escritora Teresa Moure, acompañada do editor Ramom Pinheiro, presenta na tenda OzocoGz do Carballiño a súa banda deseñada Zeca Afonso, balada do desterro. Será ás 12.30 horas. O libro, de 192 páxinas, editado por Tradisom en parcería coa Central Folque, nace do “fascinio” das autoras “por aquel home que cantaba causas políticas” e pretende “tecer unha rede para sustentar un Zeca máis íntimo do que habitualmente os seus camaradas lembran”.

Para alén de Moure e Pinheiro, na presentación tamén estarán presentes Xiko Paradelo, Andrés Fernández Rodríguez, Irene Veiga e Jesus Arranz de Santiago que serán os encargados de poren música ao acto, interpretando, precisamente, varias cancións do histórico músico portugués. 

Novo libro no 94 aniversario

José ‘Zeca’ Afonso tería feito 94 anos en 2023 e a data foi sinalada por esta  publicación dunha banda deseñada luso-galega escrita por Teresa Moure, profesora na Universidade de Santiago de Compostela (USC), e deseñada por Maria João Worm, sobre algúns dos momentos da vida do compositor e activista contra o fascismo.

A súa estancia en Moçambique, a súa volta a Portugal ou a súa loita incansábel contra o réxime do ditador António de Oliveira Salazar centran, entre outras cuestións, esta publicación que  busca celebrar a vida e a pegada que o Zeca deixou para a eternidade.

Unha pegada que aínda pervive tamén na Galiza, país ao que o Zeca admiraba e ao que mesmo lle compuxo unha canción titulada Achégate a min, Maruxa. De feito, nunha entrevista publicada no semanario A Nosa Terra, Zeca Afonso comentaba ao xornalista Xan Carballa que "Galiza non é España, é un país diferente, cunha cultura propia, unha lingua semellante á nosa".

Comentarios