Xabier Díaz, músico

“Teño a sensación de que na música tradicional son unha especie de converso”

Xabier Díaz (A Coruña, 1969) apresentou o pasado mes de febreiro o seu disco Noró, que volve remitir á tradición oral e á posta en valor de figuras esquencidas na música de raíz. Recentemente chegado da Alemaña e a piques de marchar de xira a Bélxica, Sermos Galiza conversa con el sobre a súa traxectoria, a súa proxección internacional e o momento de graza que está a vivir a música tradicional.

xabier diaz
photo_camera Foto: Laura R. Cuba

Na música e no baile tradicional ás veces pode haber unha glorificación dos tempos pasados. Esa sacralización pode invisibilizar dalgún xeito o relevo xeracional, ou mesmo dar a sensación de inmobilidade dentro da música tradicional?

1

A nivel de contido, si que teño unha especie de debate que preciso corrixir nos próximos anos. Temos que reflexionar sobre os contidos, sobre as líricas. É un camiño no que hai que traballar. É complexo porque a asimilación entre ese cancioneiro tradicional e a música é tan grande que cada vez que introduces novas linguaxes ou novas palabras acaba renxendo un pouco polo propio resultado estético. Iso pode ter que ver moito coa nosa memoria musical xogándonos unha mala pasada. Hai que liberarnos diso e afrontar un futuro no que poder falar dun xeito máis contemporáneo da música tradicional. Iso por unha parte e despois, por outra, creo que o relevo xeracional está vindo, e a toda velocidade. Hai xente que está furando e que teñen que escribir as seguintes páxinas. Creo que todo está por facer. Nese sentido, deberían sentirse libres. Supoño que o futuro é delas. Teñen que dar ese paso e facerse cargo diso. Gustaríame que o fixesen con respecto, obviamente, mais sen medo, sen esa relación tan tutelada por parte dos que tantos anos levamos, que fosen algo máis punkis. Creo que ademais a estas novas músicas failles falta algo de punkismo, de poñer as cousas un pouco patas para arriba. E obviamente as novas terán máis facilidade de facelo que nós.

No teu traballo intentas mudar o concepto de tradicional a través do feminismo, eliminando coplas machistas, poñendo en valor a figura das informantes… Cres que é posíbel unha rexeneración do tradicional, facéndoo máis inclusivo?

Penso que é necesario. Eu son un neofalante coruñés, de cando entrei na universidade e tomei aquela decisión, e agora mesmo teño a sensación de que na música tradicional tamén son unha especie de converso. Decateime de que, durante moitos anos, non querendo ou non sendo o suficientemente consciente, fixen moitas cousas que agora desaprobo. Gústame que a vida tamén me dea a oportunidade de mudalas, porque creo que nisto do machismo hai moitas cousas por mudar e está ben ir cambiándoas e sendo conscientes de que están aí. Creo que, honestamente, estou a dar pasos nesa dirección, ou polo menos estou a ser máis consciente do que o era. E ademais procuro facelo dun xeito activo. Fun selectivo na escolla das líricas, négome a cantar algunhas cousas que nalgún momento cantei. Gustaríame que cada vez fósemos máis facendo ese camiño, tamén facéndoo con certo respecto e tacto. Non é preciso romper todas as vitrinas nas que estaban gardadas todas as cousas, simplemente hai que quitar os cristais con coidado e mudalas. Hai moita xente aí, nese mundo, que durante moito tempo fixo todo iso así, e desde o meu punto de vista, debera mudar o xeito de facelo. A min gustaríame convidalos a facelo dunha maneira amábel porque creo que toda a xente que está no baile e na música tradicional está de corazón, porque realmente lle queren a ese mundo, porque se ven identificados por ese mundo. O que está por facer é mudar esas cousas que non teñen lugar nin sitio neste tempo que vivimos. Tampouco o tiñan daquela.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 292 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios