sábado 22/01/22

Tanxugueiras derruban as "fronteiras" con 'Terra' camiño de Eurovisión

Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro estrearon na medianoite desta terza feira a canción Terra, coa que acudirán ao Festival de Benidorm para intentar representar o Estado español en Eurovisión en 2022. A peza respeta o son "Tanxugueiras" e dálle protagonismo ás linguas minorizadas.
Un fotograma do vídeo de letras de 'Terra'. (Foto: Tanxugueiras)
Un fotograma do vídeo de letras de 'Terra'. (Foto: Tanxugueiras)

Após filtrarse varios dos temas cos que se presentarán en Festival de Benidorm -ponte previa para chegar a representar o Estado español en Eurovisión 2022- algúns dos 14 candidatos, e tras ver como Azúcar Moreno presentaba a súa canción nun programa televisivo e outras candidatas como Luna Ki levaba o sinxelo a un concerto, Tanxugueiras veñen de estrear de forma oficial a súa proposta para que o galego -e outras linguas minorizadas- teñan maior visibilidade internacional.

Malia un pequeno imprevisto -pois parte da canción Terra filtrouse no Spotify de Nova Zelanda despois de que a banda anunciara a súa estrea para esta medianoite-, a proposta das favoritas das e dos eurofanáticos (se atendemos á votación paralela que fixo un portal web especializado no certame) xa está na rúa.

Xa desde as primeiras notas detéctase a esencia de Tanxugueiras, tal e como elas mesmas avanzaran hai días. O símbolo: unha pandeireta coas súas raíces ven chantadas na terra.

Pode ou non gustar pero de seguro este tema non vai deixar indiferente a ninguén. O propio rapeiro Rayden, que tamén foi nomeado á cita de Benidorm con Calle de la llorería, advertía nas súas redes sociais “Vais a flipar con el tema de Tanxugueiras mucho mucho”.

Conquistaron con Figa e agora achegan a todo o público do Estado español e a toda Europa unha letra -de feito de momento non hai videoclip senón vídeo coa letra- na que se mesturan o galego, o catalán, o éuscaro, o asturiano e o castelán nunha convivencia perfecta, que as artistas queren reivindicar dalgunha forma dando visibilidade ás linguas minorizadas.

Na letra escóitanse versos como "aturuxa canda min, que nos escoiten berrar" ou "esas gorxas bravas de fondo cantar".

Horas antes da estrea en Youtube, algunhas persoas xa deixaran os seus comentarios nun vídeo do que só se podía ver un fotograma de avance da proposta das cantantes galegas. "España por dios, ellas son la mejor apuesta para Eurovisión este año, todos sus temas son únicos", dicía un usuario. Outros opinaban que lle faltaba forza ao final após ver a estrea noutros países europeos.

"La canción me gusta pero le metería castañuela que representa también la mezcla de culturas de España", engadía outra persoa. "As mellores sen dúbida", pensaban outras seguidoras. Xusto antes desta medianoite xa había máis de 1.400 persoas agardando para escoitar o tema que estivo precedido dunha conta atrás que aumentaba os nervios do público.

Mesmo déronse puntas de máis de 3.000 espectadoras e espectadores nunha conta con 17.800 suscricións. E os comentarios chegaron en diferentes idiomas, tamén de fóra do Estado español amosando, como di Tanxugueiras, que "non hai fronteiras".

A canción está a gustar, mais en calquera caso non será até esta quinta feira cando se coñezan as 14 candidatas e se poidan analizar as posibilidades reais das galegas para superar o proceso de selección que será o Festival de Benidorm, programado para finais do mes de xaneiro.

Na Galiza xa son un dos temas e unha das palabras do ano, pero agora queda competir con Xeinn, Varry Brava, Unique, Sara Deop, Rigoberta Bandini, Rayden, Marta Sango, Luna Ki, Javiera Mena, Gonzalo Hermida, Chanel, Blanca Paloma e Azúcar Moreno.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Tanxugueiras derruban as "fronteiras" con 'Terra' camiño de Eurovisión
comentarios