Suso de Toro, Inma López Silva e Xesús Fraga, finalistas do Premio Novela Europea

As súas obras, 'Un señor elegante', O libro da filla' e 'Virtudes (e misterios)', competirán dentro da sección de lingua galega.
A presentación das finalistas do Premio Novela Europea na sección de lingua galega tivo lugar no Casino de Santiago.
photo_camera A presentación das finalistas do Premio Novela Europea na sección de lingua galega tivo lugar no Casino de Santiago.

As obras 'O libro da filla' de Inma López Silva, 'Un señor elegante' de Suso de Toro e 'Virtudes (e misterios)' de Xesús Fraga foron seleccionadas como finalistas do Premio Novela Europea na modalidade de Novela traducida a outra lingua europea dentro da sección de lingua galega.

Este sábado, o xurado dos galardóns desvelou o nome das novelas finalistas nun acto encadrado nas actividades con motivo do Días dás Letras  Galegas do Casino de Santiago.

O establecemento da rúa do Vilar do centro histórico compostelán acolleu a presentación das novelas elixidas para facerse co premio nesta categoría, que está dividida en dúas seccións: por un lado, aquelas obras finalistas en lingua galega e, por outro, as novelas publicadas noutros idiomas oficiais do Estado, como o castelán, catalán ou eúscaro.

Así, pugnarán polo premio tres das novelas en lingua galega que cultivaron máis éxito das publicadas nos últimos tempos. Entre elas está 'O libro da filla', publicado por Galaxia e no que a escritora Inma López Silva parte dunha investigación xornalística sobre a agresión sexual dun pai a unha filla para profundar nas relacións familiares e sociais desposuíndose de tabús.

A segunda obra seleccionada é o último libro do compostelán Suso de Toro. Publicado por Xerais, o santiagués  rebusca con 'Un señor elegante' na memoria da súa cidade para recuperar a historia da familia Baltar, unha saga de cirurxiáns destacada na sociedade compostelá polo seu labor profesional e o seu compromiso social.

Por último, na terna de finalistas tamén está 'Virtudes (e misterios)', a flamante novela coa que Xesús Fraga levou o Premio Nacional de Narrativa o pasado ano. A través da súa avoa Virtudes, o escritor reconstrúe o relato da emigración galega desde os ollos de quen se vai, quen queda e aqueles que se moven entre os dous mundos.

Durante a presentación, Ubaldo Rueda, un dos promotores do Premio Novela Europea, agradeceu a implicación da Administración galega ─representada no acto polo secretario xeral de Política Lingüstica, Valentín García─, e o Concello de Santiago, coa concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón.

Comentarios