Sermos Galiza investiga os "misterios" de Xesús Fraga

O novo número do semanario -que poderás atopar este sábado en quiosques, outros puntos de venda habituais e na nosa loxa en liña- afonda na emigración tradicional e desde puntos de vista diferentes e tamén alude a festivais musicais que dan protagonismo ás linguas minorizadas.
O semanario recolle unha entrevista ao escritor Xesús Fraga. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O semanario recolle unha entrevista ao escritor Xesús Fraga. (Foto: Nós Diario)

O escritor e xornalista Xesús Fraga, en plena campaña promocional da súa última novela de premio, fai un alto no camiño para falar con Xosé Barros. Na entrevista titulada 'Xesús Fraga. Virtudes (e misterios)', con fotografía de Ana Couceiro, ambos entran máis polo miúdo no argumento dun libro que levou o autor a converterse no último Premio Nacional de Narrativa.

A obra Virtudes (e misterios) conta a historia de emigración da familia de Fraga, aló pola segunda metade do século XX, e iso tamén lle deu o Blanco Amor de Novela Longa, pero os recoñecementos non son o único que importa.

A peza permitiu ao escritor deixar por escrito unha historia que quería contar desde hai tempo e, por fin, saca fóra as súas reflexións, que agora comparte para as persoas lectoras de Sermos Galiza. A emigración, a familia, os consellos para a nova emigración, o papel da muller neses escenarios... Son algúns dos temas tratados.

Escribir desde a diáspora

Tamén de emigración, pero neste caso literaria, versa a reportaxe 'Escribir desde fóra. A literatura galega na diáspora' de Tensi Xesteira.

A autora conta coas voces de Xavier Queipo, Lito Vila Baleato e Isaac Xubín para explicar como se escribe desde fóra da Galiza, con outras visións e outras referencias e a terra no foco.

Linguas minorizadas na música

Mais neste número non nos esquecemos do éxito que está a ter a carreira de Tanxugueiras para representar o Estado español en Eurovisión. De gañar a selección previa irá co galego como bandeira, ademais doutras linguas minorizadas.

Por iso, o xornalista Héctor Pena repasa outros exemplos de citas musicais a nivel europeo, mais neste caso centradas neses idiomas que moitas veces se queren deixar atrás. Podes saber máis en 'As minorías cantan. Dous festivais que impulsan as linguas minorizadas'.

Após cantar, poderás descansar a voz e fortelecer o corpo visitando con Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo -o Colectivo Xea- 'Os muíños de vento de Catoira'. E á volta a casa é tempo da segunda ración de literatura da semana, pois Mario Regueira recomenda Arder de Marga Tojo e Manuel Barreiro opta pola banda deseñada Astérix e o grifón de Jean-Yves Terri e Didier Conrad.

O capítulo da música tampouco está fechado cos festivais, pois no reprodutor de Olga Brañas poderás descubrir o disco homónimo de Talabarte. Ademais, Fernando Montenegro escribe sobre 'Guitarras e identidades'. No que respecta ao cinema, Andrés Castro dedica un espazo especial na súa escolma a Boiling Point de Philip Barantini.

Pola súa parte, Pepe Barro fala de primeiras obras e primeiras veces no apartado de deseño e Lázaro Armental analiza as transformacións na arquitectura. Fechan a edición os quebracabezas de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Como tes que facer para poder gozar deste número? Procura Sermos Galiza, xunto co Nós Diario, este sábado nos quiosques ou na nosa tenda en liña. Unha opción máis sinxela para que non perdas nada é facer agora mesmo a túa subscrición!

Comentarios