Super 8: "Cada disco para nós é como unha relación que acaba ben"

Logo dun tempo de reflexión, o grupo Superoito Gz volve traer novidades á escena musical galega. Composto por Glenn García (batería), Iván R. (voz e guitarra), Diego Bluesmaker (guitarra) e Diego Falque (baixo), a banda presentou o seu novo disco A mala vida. Falamos co seu vocalista, Iván R.
super 8

Como xorde este novo traballo?

É un disco un pouco de cambio. Sacamos o primeiro e a partir de aí, estabamos levando un ritmo de concertos moi alto. Queriamos cambiar, xa que tiñamos un pouco aburrido o estilo de música que faciamos, que era moi de baile e de farándula. Pensamos en darlle unha volta, que fose un pouco máis roqueiro. 

Nese momento non podiamos facer un disco así, supoñía moito máis esforzo, máis tempo e outros instrumentos, ademais de ir tocar. Entón, falamos de parar unha tempada, de deixar un pouco de lado todo e a ver que podía saír. Paramos hai case catro anos e hai tres, máis ou menos, xuntámonos a facer cancións, mais sen a idea dun futuro disco, simplemente para ver que nos saía. 

Xurdiu así. Logo, unha vez tivemos as cancións, decidímonos a lanzalo, mais foi un proceso moi longo e que se foi desenvolvendo paseniñamente. Queriamos que as cancións fosen mellores e moito máis traballadas.

Con que podemos atoparnos en A mala vida?

En canto a letras, neste disco non hai unha palabra fóra do seu sitio. Cada unha ten que ocupar o seu lugar e fomos moi coidadosos nese sentido. Queriamos facer un proxecto máis serio, mais tampouco combativo, entón é moi metafórico todo. Conta con trazos políticos, trata cuestións como a liberdade de expresións, o acontecido con Pablo Hasél... É moi puntual e metafórico. Por outra banda, no que atinxe ao estilo musical, produciuse un cambio máis grande. Non nos limitamos simplemente a tres acordes, senón que agora hai unha estrutura máis marcada. Parámonos moito máis na cuestión do son. Antes colliamos unha guitarra calquera e agora temos instrumentos e materiais de calidade. Parámonos moito máis e non seguimos o que faciamos antes de tirar para adiante. Revisamos todo para que estivese perfecto, non hai nada de recheo. Soa moito mellor, foi moi pensado e premeditado.

Poderíase dicir que é unha proposta máis profesional, non é?

A nivel musical, é moito máis profesional porque ten un fondo importante a nivel de estruturas, de son... En realidade, estivemos parados, pero tocabamos máis ca nunca, sobre todo co da pandemia. Eu penso que mellorei moito e cando nos xuntamos, eles tamén cambiaran e melloraran moito. Entón, a parada axudounos tamén a nivel individual. Ese tempo que dedicamos cada un a seguir un pouco polo seu lado, logo serviu, ao volver, para ter as cousas máis claras individualmente.

Ese punto de inflexión, entón, foi clave para o novo proxecto.

Si. Non é rachar con todo o anterior, tampouco queremos iso. Non rexeitamos iso nin nos avergoñamos do feito anteriormente, por suposto. Cada disco para nós é como unha relación que acaba ben. Recordas aquela época, con esas cancións e  todas as experiencias vividas. Agora mesmo non o farías así, non queres que soe así nin que siga por ese camiño, pero ao mesmo tempo non podes esquecer todo o anterior. O punto de inflexión realmente é que eramos conscientes de que tiñamos que mellorar. Agora incorporamos algunha guitarra máis, hai moitos máis solos... Decidimos parar, pensar cara onde queriamos ir e deseñar un proxecto máis a longo prazo.

Haberá concertos para presentar o disco?

Dixemos de facer seis ou sete concertos e eliximos aquelas salas que, cando ofrecemos os primeiros concertos e non nos coñecía ninguén, foron as que mellor nos trataron. Agora non é recomendable reunir tanta xente e tampouco sabemos se estamos a ese nivel. Entón, intentamos primar salas pequenas que, coa pandemia, tamén son os que máis acusan os peches. Estaremos, entre outros, no Pub Gatos, na sala Filomatic e na Rebullón.

Comentarios