Reportaxe

Sobreviviría a cultura galega a catro anos máis de PP?

Tras un debate electoral no que ningunha das formacións presentes aludiu en ningún intre ao estado da cultura galega, falan autores e editores.
Dúas nenas na Feira das Industrias Culturais, Culturgal, de decembro de 2023 en Pontevedra.
photo_camera Dúas nenas na Feira das Industrias Culturais, Culturgal, de decembro de 2023 en Pontevedra.

Desde o 18 de abril de 2009, día en que Alberto Núñez Feixoo tomou posesión da Presidencia da Xunta da Galiza, até hoxe, o número de libros publicados anualmente en galego descendeu de 2.000 a 1.000, a facturación do sector caeu de 22 a 16,6 millóns de euros, as empresas editoriais perderon case que a metade do seu plantel (de 318 persoas en 2007 a 171 na actualidade) e o libro de texto pasou de representar 30% da edición na Galiza ao 10% presente.

Sobrevivirá a literatura galega a catro anos máis de Goberno do PP? "Que me fales de catro anos máis do PP xa me traumatiza", responde a poeta e doutora en Filoloxía Galega María Besteiros. "Teño tendencia ao pesimismo, atopo un problema para cada solución e non me gaña ninguén a dramática, pero xusto nesta cuestión son optimista. Somos a resistencia. A marxinalidade. Non morremos en momentos históricos moito máis complexos. Non imos morrer agora. Dentro de cen anos ti e máis eu estaremos falando en rigoroso galego, tentando lembrar quen era ese tal Feixoo. A nosa cultura sobrevivirá a pesar de. A política cultural do PP é só un día malo na nosa historia".

O xornalista que isto escribe comezou a súa andaina como xornalista en 1990, como responsable de cultura de El Correo Gallego, mesmo ano no que Manuel Fraga aterraba no Pazo de Raxoi. O ex ministro franquista, sobranceiro censor e perseguidor da cultura e a lingua galegas durante a ditadura, choraba agora cada vez que acudía a un acto en honor a Castelao, Rosalía, Curros ou Cunqueiro; forneceu a presenza da cultura e a arte galega nos medios con subvencións máis ou menos xenerosas (sempre en troques de autocensura política), procuraba o consello de intelectuais antifranquistas como Isaac Díaz Pardo, Carlos Casares, Víctor Fernández Freixanes, Xavier Alcalá, Franscisco Fernández del Riego e moitos outros. Desde Madrid, o PP de José María Aznar observábao con desconfianza: Estase a volver separatista Don Manuel? Naquel mesmo ano da aterraxe na Xunta de Fraga, remataba a súa primeira novela (Trailer, premio Blanco Amor) o escritor e editor Fran Alonso.

Comparado co que veu co PP de Feixoo/Rueda, as políticas culturais de Fraga semellaban inspiradas na Liga Armada Galega

Contra Fraga escribiamos mellor que contra Feixoo e Rueda, Fran? "Franco impuxo esa España única, onde a diversidade e a pluralidade non tiñan cabida. Pero Fraga mantiña vivas as súas raíces, das que se sentía orgulloso. Facía política galega con perfil de galegofalante enraizado no pobo, capaz de xogar ao dominó nun bar e capaz de entender que unha lingua é unha riqueza máis, a lingua na que lle falaban os amigos e paisanos de Vilalba. E aínda que nunca se caracterizou por fomentar a lingua galega, tampouco deu pasos para afogala. Sabía que sería afogar os seus propios paisanos, afogarse a si mesmo".

Porén, comparado co que veu co PP de Feixoo/Rueda, as políticas culturais de Fraga semellaban inspiradas na Liga Armada Galega. O presidente da Asociación Galega de Editoras, Quique Alvarellos, atopa mesmo intencionalidade españolista —sen nomeala— neste esmorecer: “Esta caída en gran maneira está provocada polas políticas educativas postas en marcha polo Goberno de Galiza: a implantación en 2010 do chamado Decreto de Plurilingüismo supuxo un durísimo golpe para a penetración do galego nos centros educativos (pois até ese intre podía chegar a 50% do material educativo e pasou a ser 33% como máximo)”.

O sector leva ben anos demandando, sen resposta, “un verdadeiro Plan lector para o libro galego. Transversal, ben orzado, inspirado, sedutor, que chegue a todas as capas da sociedade”. Tampouco desenvolveu nunca o PP a Lei do Libro e da Lectura de 2006, aprobada, por unanimidade e polo tanto co voto da dereita, durante o bipartito do PSdeG e o BNG. A Xunta nin sequera financia a presenza das editoras galegas en feiras internacionais como as de Frakcfurt, Guadalajara (México), Boloña, Liber en Barcelona... nun ano no que aínda están quentes os Premios Nacionais do Ministerio español de Cultura a Yolanda Castaño e Paula Carballeira en Poesía e Literatura Dramática.

Fran Alonso é menos diplomático que Alvarellos: “Non creo que sexa apatía ou desinterese, senón o control consciente que se exerce para que o libro galego non medre. Os datos indican que estamos diante de políticas de forte decrecemento, como se pode ver nas cifras. E calquera institución con compromiso cívico corrixiría ao ver esas cifras. Pero a Xunta non o fai. Tampouco hai unha política lingüística que deteña o abandono da lingua por parte da mocidade... Só existen pequenas axudas, nada relevantes, parches que permiten á Xunta asegurar que si están axudando o libro galego. Pero a realidade é outra e as cifras confírmano. A vontade política sobre o libro galego é de decrecemento; non hai outro xeito de interpretalo”.

O escritor Suso de Toro, quen biogafiou ao seu estilo a Camilo Nogueira, José Luís Rodríguez Zapatero e Ana Pontón, estrañamente segue aquel consello de Franco e vén dicir: “Ministro, faga coma min e non se meta en política”. E descobre unha inesperada fonte de optimismo para a lingua e a cultura galegas: “A lingua galega neste momento vive no medio de dúas correntes, unha que baixa e outra que sobe. A que baixa é o poder da lingua do Estado con todos os seus poderes fácticos, económicos e ideolóxicos e a que sobe é a militancia cívica, esas persoas comprometidas co país a través da lingua, as neofalantes. Non vai ser a oralidade transmitida interxeracionalmente quen faga vivir a lingua, esa transmisión caeu. Vai ser a convicción cívica, o poder da ideoloxía, a palabra escrita en último termo a que a faga vivir. E aí nese campo da ideoloxía, da cultura, fundamentalmente escrita, é onde campa a literatura galega. Nese espazo autónomo, unha literatura máis viva que nunca”.

Para a política e os medios de comunicación, só ten boas palabras: “O único que non cambiou é o marco de poderes no que vive esta literatura, o poder político todo el e os medios de comunicación na práctica seguen ocultando a súa existencia e cando dan conta dela fano como unha literatura minorizada. Cando un le un suplemento cultural no que se escollen vinte ou trinta libros para resumir un ano, e ningún está na nosa lingua, hai que constatar que vivimos baixo o dominio de imbéciles e miserábeis nun grao bastante elevado”.

Di un dito popular que hai xente que odia o que descoñece. É unha evidencia que Feixoo descoñece o galego. A súa gramática non aprobaría un exame de primeiro de ESO. Nin sequera cando le, o que presupón asesores galegos que lle escriben os discursos. 

Odia Feixoo o galego porque o descoñece?

A poeta e filóloga María Besteiros é prudente: “Tendo a pensar que as persoas non van por aí odiando alegremente. Non creo que neste PP que soportamos hoxe haxa un odio ao galego, pero si están conformes con manter a diglosia. O galego non está prohibido! Que máis queredes!, parecen berrar. Por outra parte, non vexo Feixoo lendo por pracer. Se non amas os libros, por que vas defendelos? Como vas saber cales son as carencias do sector?”.

Fran Alonso estende a súa crítica ao candidato actual, Alfonso Rueda: “Calquera presidente da Xunta debería estar moi preocupado, pero… Como lle vai preocupar a Rueda, que cando aínda non era presidente da Xunta participou nas manifestacións de Galicia Bilingüe en contra da lingua galega e encabezando as pancartas?”.

Debate sen cultura

As entrevistas que conforman esta reportaxe foron realizadas antes do debate electoral realizado pola Televisión de Galiza o 5 de febreiro. Un debate onde si se abordou o estado da lingua aínda que, máis que nada, como arma de agresión política. Rueda chegou a acusar falsamente o BNG de Ana Pontón de propor no seu programa practicamente a eliminación do castelán das aulas. Porén, ningún dos cinco candidatos presentes (PP, BNG, PSdeG, Sumar e Podemos) fixo alusión algunha á cultura. Eis un síntoma preocupante.


Envexa de Euskadi e Catalunya

Segundo os datos da Asociación Galega de Editoras (AGE), só 8% de clientes das librarías galegas procura libros na lingua do país. Uns datos que contrastan para mal cos de Euskadi, onde esa porcentaxe é de 17%, ou Catalunya, cun envexábel 32%.

Sinala Quique Alvarellos que a Xunta de Galiza, desde que goberna o PP, “non se está a considerar o libro como sector estratéxico (artigo 2 da inaplicada Lei do Libro). Isto é básico. Cómpre considerar a cultura (e nela, como núcleo a lectura, que é o motor do coñecemento) como un dos piares na acción de calquera goberno (xunto a sanidade, servizos sociais e educación). Con esta consideración do libro como sector estratéxico, que recolle a lei, teríanse posto en marcha, por exemplo, un ou varios plans de lectura que puideren dar a volta ás estatísticas”.

A promoción do libro galego no exterior é unha das demandas do sector inescoitadas sistematicamente pola Xunta. Cataláns e vascos posúen para este labor os respectivos Institut Ramón Llull ou Etxepare Euskal Institutua. Os editores galegos levan anos demandando a creación dun Instituto Rosalía de Castro.

Malia todas as carencias e ausencia de apoios políticos, Alvarellos salienta algúns datos positivos. “A literatura e a edición galegas contan con máis de 25 Premios Nacionais en todos os xéneros. Estes galardóns que concede anualmente o Ministerio de Cultura suman na Galiza o dobre ca en Catalunya, por exemplo. Nos últimos nove anos, nove premios. Ademais, unha das nosas editoras, Kalandraka, foi Premio Nacional da Edición en 2012”. E o número de títulos vivos nas librarías duplicouse nestes 15 anos: de 8.700 en 2009 a 16.660 en 2021. Seica o 18 de febreiro os libros tamén irán ás urnas.

Comentarios