Contracultura

Silvia Penide: "Estou orgullosa do traballo que fun facendo e do camiño que deixo para a xente que vén detrás"

Silvia Penide, cantautora, celebra os vinte anos da súa carreira musical co lanzamento dun vinilo de edición limitada que recolle algúns dos temas máis significativos da súa traxectoria.
A artista Silvia Penide presenta novo disco. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A artista Silvia Penide presenta novo disco. (Foto: Nós Diario)

—Como seleccionou e reviviu as cancións que agora forman este vinilo?
Algúns dos temas quedaron como estaban orixinalmente porque eran recentes. Por exemplo, o disco El efecto boomerang saíu en 2019 e quedou totalmente parado porque despois xa non puido facer xira nin nada, polo que recuperamos algúns dos duetos que xa estaban feitos. Tamén volvemos gravar outros temas, como é o caso de "Rebentaba" con Mercedes Ferrer. Foi toda unha experiencia reabrir unha canción que estaba fechada desde 2009, engadirlle instrumentos novos e demais.

É verdade que hai algunhas persoas que me din que faltan cancións, como "Amo", que foi un tema que marcou un antes e un despois, mais tivemos que facer un traballo de selección porque tampouco tiñamos a posibilidade de regravar todas. Somos unha pequena empresa e tivemos que facer ese exercicio de apostar, mais sabendo onde estamos e sen perder a cabeza. Outra cousa que fixemos foi unha mestura de todas xuntas para que tivesen unha sonoridade similar, xa que viñan de discos moi dispares e non queríamos que houbese un salto moi grande. Nese sentido, tamén estou moi contenta de traballar con Arturo Vaquero, Paul Álvarez e con David San José, que estiveron aos mandos da produción e conseguiron facer fácil o que parecía complicado.

—Precisamente, salientan as voces que a acompañan nestes temas.
Queríamos que tivese un significado de colaboración. O certo é que son unha artista que non enche recintos, mais nunca me falta traballo e dentro do gremio estou en contacto con moita xente. Sempre digo que as persoas que nos dedicamos a isto temos, en xeral, pouco contacto, mais cando estamos facendo algo conxunto é un contacto moi intenso.

Somos como unha especie de satélites as unhas das outras e facer isto parecíame moi significativo, polo que tamén axudou bastante á hora de escoller os temas que ían estar incluídos. Foi un proceso moi bonito porque, por exemplo, Arturo mandoume fotos e notas de audio de cando graváramos "Rebentaba". Emociónome ao velo porque me parece que a Silvia desas fotos era moi valente.

Tamén foi moi bonita a acollida que tiven por parte das persoas que colaboraron. Cando saíra a canción "El salto", Guadi Galego escribírame unha mensaxe súper bonita porque lle gustara moito, así que agora aproveitei o momento para tirarlle a caña e liala para gravar este tema para o vinilo. Recibín un si rotundo no momento, aínda que están ateigadas de traballo, e algo similar pasou con Andrés Suárez, que nestes momentos está tocando a un nivel moi grande. Tamén é certo que hoxe en día temos a sorte de poder traballar con notas de audio ou a gravadora do móbil e non perde a maxia aínda que non sexa posíbel gravar no mesmo estudo e darnos unha aperta. 

—Ten algún plan para os próximos anos?
Eu nunca pensara en sacar un vinilo, foi idea de Tomi Legido, o meu representante, que despois de tantos anos comigo xa é como da familia. Tiven bastantes dúbidas de que tivera cabida e o certo é que despois quedei gratamente sorprendida porque incluso persoas que non teñen onde escoitalo o mercan, quizais porque aprecian ese valor engadido. Por iso creo que estou en boas mans e tamén é o que digo sempre: o día que teña que botar o peche estarei súper orgullosa de todo o que fun facendo e do camiño que deixo para a xente que vén detrás e que quere dedicarse a isto. Veña o que veña, estou moi tranquila.

No que respecta a proxectos a medio prazo, gustaríame sacar un novo disco a finais de 2024 e rematar este ano como temos pensado. Sairemos agora a tocar un pouco fóra e volveremos para Arteixo para rematar o ano e esta xira de celebración das dúas décadas. Sen ser moi ambiciosa iso sería o ideal para min agora mesmo, rematar o ano tan ben como estamos agora, ter traballo o ano que vén e que todo continúe xirando cos meus proxectos.

Comentarios