Shakespeare, dirixido por Andrés Lima, fecha a 32ª edición do FIOT

A versión libre sobre a comedia de Shakespeare, á vez baseada nunha de Plauto, contará con seis actores en escena -entre eles, Pepón Nieto, Antonio Pagudo e Rulo Pardo- que interpretarán 24 personaxes diferentes
Pepón Nieto en 'La comedia de los errores'
photo_camera Pepón Nieto en 'La comedia de los errores'

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, despídese coa programación do derradeiro espéctáculo desta 32ª edición. Hoxe, ás 21 horas, o Pazo da Cultura acollerá, no marco do Programa de sala, a representación de La comedia de los errores, dirixida polo laureado Andrés Lima. O director, recoñecido, entre outros, con numerosos galardóns Max e co Premio Nacional de Teatro 2019, regresa a Carballo logo da función de Prostitución, que se puido ver no FIOT en pausa do ano 2020.  

La comedia de los errores, producida polo Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo, é unha versión libre da comedia de William Shakespeare, á súa vez baseada nunha obra de Plauto, no que seis actores -Pepón Nieto, Antonio Pagudo, Fernando Soto, Rulo Pardo, Avelino Piedad e Estaban Garrido- interpretan un total de 24 personaxes. Enredos e equívocos, encontros e desencontros, débedas, xoias, cruzamentos danse cita nunha comedia ateigada de erros que se producen sen parar ata que o desastre se converte nunha festa que celebra a diversidade. 

Na peza, Andrés Lima constrúe un vertixinoso xogo teatral no que convidará ao público carballés a poñerse no lugar do outro e cuestionar os límites entre o verdadeiro e o falso. 

Alén da programación de exhibición, estes días o público todavía pode visitar as exposicións Vida e legado de Carlos ‘O Xestal e Zoom FIOT 2022, situadas no andar -1 e 0, respectivamente, do Pazo da Cultura.

Finalmente, a actividade desta edición do FIOT pecharase o vindeiro domingo 12 de novembro coa gala final do XXII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, na que se dará a coñecer o nome dos grupos gañadores desta proposta escénica radiofónica dirixida, especificamente, ao alumnado de Bergantiños. 

Comentarios