Sermos Galiza entra na Casa de Rosalía 50 anos despois

O semanario que poderás atopar este sábado nos quiosques e puntos de venda habituais, así como na nosa loxa en liña, tamén fai un repaso á historia da banda deseñada no país e atopa tempo para analizar a "pel" dos edificios.
Reportaxe sobre a Casa da Galiza, no Sermos Galiza deste sábado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Reportaxe sobre a Casa da Galiza, no Sermos Galiza deste sábado. (Foto: Nós Diario)

Sermos Galiza regresa e desta vez faino no seu día habitual de publicación, o sábado. No número que atoparás este 8 de xaneiro na rúa terás a oportunidade de visitar a Casa da Galiza, ou a de Rosalía -que é o mesmo- sen moverte do sofá. A reportaxe de apertura 'Casa da Galiza. 50 anos da casa de Rosalía', asinada por Mar Álvarez, repasa a historia da Casa-Museo da Matanza.

Este espazo leva xa 50 anos aberto ao público e é tempo de lembrar como se recuperou a antiga casa da escritora en Padrón para que hoxe sexa un lugar expositivo e un punto de referencia cultural, que acolle diversas actividades cada ano.

O texto alude á Fundación Rosalía de Castro e tamén á exposición que vai xirar este ano polo país despois de estar na Coruña e ficar en Compostela até o 25 de xaneiro. Asínaa o deseñador Pepe Barro, que tamén ofrece un xogo visual nas páxinas do semanario.

Dúas visións da arte

E se despois duns días de festa é momento de relaxarse coa historia, fornecemos ración dobre grazas á entrevista de Manuel Barreiro ao autor Octavio Beares.

Baixo o título 'Octavio Beares. Viñetas na historia' falan da publicación do libro A historia do cómic en Galicia, que dunha forma "amena e didáctiva" recúa 120 anos para lembrar os inicios, a entrada do galego, o uso propagandístico e a situación actual da banda deseñada.

Pola súa parte, Iago Valverde fala cos arquitectos José Carlos Mera e José Jorge Santos en 'Santos Mera. Peles'. Cóntanlle o segredo desas peles que cubren os seus proxectos, que teñen cores, que presumen de texturas e que chaman á vista.

Até Fisterra

Mais tamén hai tempo de compensar as comidas de nadal indo pasear con Adela Leiro, Xan Colazo e Mon Daporta -o Colectivo Xea- pola 'Costa interior de Fisterra. De Sardiñeiro ao cabo Fisterra'.

Esta semana, no capítulo de recomendacións atoparás a opinión de Mario Regueira e Inma Otero Varela sobre os libros A nena lectora, de Manuel Rivas, e As sílabas do mundo, de Luís Rei Núñez, respectivamente.

No apartado musical, Fernando Montenegro escolle Popsia de Fran Amil mentres que Carlos Penela asina 'Sibylle Baier: verde era a cor do mundo'. Andrés Castro volve coa súa escolma de cinema, na que destaca O Contador de cartas de Paul Schrader.

Para dar por fechados os días festivos poderás gozar coa proposta de 'Xantar para despedir o nadal' que deixa Anxo Fole acompañada dos viños de Vide, vide! E mentres a comida remata de facerse e o viño arrefría, podes comezar cos pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoan Costa.

Como ter todo isto na túa man? Poderás mercar Sermos Galiza este sábado co Nós Diario nos quiosques ou na nosa tenda en liña. Ademais, se queres levar algún agasallo aínda estás a tempo de facer a túa subscrición cunha promoción especial!

Comentarios