Semente de mencer, homenaxe nacional a Darío Xohán Cabana

A Fundación Rosalía de Castro impulsou unha homenaxe ao escritor e académico que tivo lugar en Padrón e na que participaron familiares e numerosos artistas.
Familiares e amigos de Caba xunto a Anxo Angueira na homenaxe impulsada pola Casa Rosalía.
photo_camera Familiares e amigos de Caba xunto a Anxo Angueira na homenaxe impulsada pola Casa Rosalía.

O Auditorio Municipal de Padrón acolleu este sábado a homenaxe nacional a Darío Xohán Cabana, Amigo da Casa de Rosalía.

A iniciativa partiu da Fundación Rosalía de Castro e convidou, baixo o título 'Semente de mencer', referencia a un dous seus poemas, familiares e amigos do escritor e tradutor, falecido o pasado mes de novembro aos 69 anos.

O acto reuniu o que o escritor Lois Pérez, encargado de falar en nome da familia, definiu como "a tribo" de Cabana "que hoxe lembra xunta a quen se foi", sinalou.

Unha figura irrepetíbel

A tribo, ademais dos máis achegados, estivo formada por representantes do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega e da Asociación de Escritora e Escritores en Lingua Galega; académicos, escritores, representantes locais, do mundo da cultura e da universidade.

Conducido por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, o acto contou, tamén coa participación de Fuxan os Ventos, O' Leo de Matamá, o Mago Antón, Chus Pato, Antón Dobao, Xabier Cordal, Oriana Méndez, Xoán Cuba e Rosa López.

Música, poesía e emoción. Moita emoción na #HomenaxeNacional a Darío Xohán Cabana #SementedeMencer. pic.twitter.com/nRPps2yKw1

Angueira referiuse a Cabana como unha "persoa inesquecíbel, patriota exemplar e unha das figuras máis extraordinarias e irrepetíbeis da cultura galega contemporánea", cuxa obra "é de tal magnitude que só as xeracións vindeiras poderán ponderalo".

Fuxan os Ventos

Chus Pato, Antón Dobao e Xabier Cordal, escritores e amigos, rememoraron a súa obra e deron conta do seu traballo. Oriana Méndez subiu ao escenario canda a neta do escritor chairego, Leonor Cabana, para recitar cadanseu poema.

O Mago Antón fixo maxia cos seu poemas e O Leo mais Fuxan os Ventos, música para os seus versos.

Comentarios