A Fundación Rosalía prepara unha homenaxe a Darío Xohán Cabana

O evento terá lugar o 4 de xuño na Casa de Rosalía en Padrón. Actuarán Fuxan os Ventos e O'Leo de Matamá e intervirán escritaoras e escritores, ademais da familia do poeta. 
Darío Xohán Cabana no verán de 2019. (Foto: Jose Aragunde / FTT)
photo_camera Darío Xohán Cabana no verán de 2019. (Foto: Jose Aragunde / FTT)

O vindeiro 4 de xuño ás 19 horas a Casa de Rosalía de Castro en Padrón acollerá a homenaxe nacional 'Semente de Mencer' a Darío Xoán Cabana.

Nela participarán Fuxan os Ventos, que están a celebrar o seu 50 aniversario, O’ Leo de Matamá, o Mago Antón, Eliseu Mera e Diego Rojo, Chus Pato, Lois Pérez, Pepe Cáccamo, Antón Dobao, Xabier Cordal, Oriana Méndez, Xoán Cuba, Rosa López e Leonor Cabana.

Darío, o "amigo da Casa" 

"Darío era amigo da Casa de Rosalía, estivo apoiando a Fundación nas súas actividades e historicamente temos documentada a visita que realizou xunto a Moncho Reboiras en 1970", explica o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, "e foi por ese motivo que, contando coa súa familia, decidimos realizarlle esta homenaxe nacional", sinala a Nós Diario

A selección do "cartel" do acto non foi doada, como recoñece Angueira, e realizouse de acordo coa contorna familiar do poeta. "Tentamos achegarnos a Darío desde distintas facetas tanto da súa vida como da súa obra", asegura.

Con esta intención convidaron a lembrar o Darío "da tribo familiar de Roás" mais tamén o de Vigo e a Editorial Castrelos.

"Estará o Darío poeta, o narrador, o tradutor, o ensaísta e tentaremos aproveitar a homenaxe para dar conta da importancia humana, política e intelectual que tivo", sentenza o presidente da Fundación. 

Ademais das actuacións e intervencións, que terán lugar na horta da Casa ou, en caso de mal tempo, no Auditorio de Padrón, está previsto o visionado de fotografías e videos nos que aparece o poeta. "A figura de Darío é un referente para a Galiza e agardo que asistan a esta homenaxe desde moitos sectores", desexa Anxo Angueira.

Comentarios