Fuxan os Ventos: "Nunca pretendemos comercializarnos"

A raíz das informacións xurdidas nas últimas datas, a mítica banda, no seu 50 aniversario, lamenta "que haxa quen aproveite esta celebración para seguir intoxicando e faltando á verdade" e desbota que existisen "diferenzas ideolóxicas a respecto da defensa do idioma e a cultura do país".
A banda, que este ano fai 50 desde a súa creación, nun concerto en 2012 (Foto: Fuxan os Ventos).
photo_camera A banda, que este ano fai 50 desde a súa creación, nun concerto en 2012 (Foto: Fuxan os Ventos).

A histórica agrupación musical Fuxan os Ventos fai medio século de vida, un fito ao alcance de moi poucas e poucos artistas. Con motivo deste aniversario, nos últimos días xurdiron diferentes informacións e declaracións a respecto do que lle aconteceu á banda, algo que vén de aclarar a través dun comunicado publicado en Facebook.

Así, destaca que as persoas que conforman na actualidade Fuxan os Ventos séntense "moi contentas" de ter chegado tan lonxe: "Estamos orgullosas da nosa historia como grupo, do traballo feito e da boa acollida que nos tedes dado ao longo de tantos anos".

Con todo, a agrupación lamenta "que haxa quen aproveite esta celebración para seguir intoxicando e faltando á verdade, como veñen facendo desde hai 40 anos".

Neste senso, aclaran: "Non é verdade que quen quedamos en Fuxan a comezos de 1983 —sete de nove— quixésemos comercializarnos, nin que houbese diferenzas ideolóxicas a respecto da defensa do idioma e da cultura do noso país. Si se discutía sobre a importancia e necesidade de mellorar nos arranxos do repertorio, no acompañamento instrumental, nas voces, na posta en escena...".

As persoas integrantes da banda "sempre" viviron de cadansúa profesión, "antes e despois de 1983". E os ingresos, que Fuxan os Ventos salienta que "nunca foron moitos", destináronse "á intendencia e mantemento e máis asegurar a continuidade do grupo".

Sobre o rexistro do nome do grupo, explican: "É verdade que o rexistramos, porque aínda non se fixera despois de case once anos da súa existencia. O nome non era de ninguén máis que do propio grupo, que seguiu existindo con toda normalidade, como non podía ser doutro modo, nunha formación musical pola que de 1972 a 1983 pasaron arredor de 30 persoas, sen que iso implicase en ningún caso que se cuestinase a continuidade do grupo". Aliás, Fuxan engade que nunca denunciou ninguén "por aparecer como ex membro sendo iso certo".

Mais, nunha data tan sinalada, a banda quere tamén deixar espazo ao festexo: "O que queremos salientar e conmemorar neste ano tan especial é o legado de Fuxan os Ventos, que debe prevalecer por riba das persoas que fomos ou aínda somos parte do grupo ao longo da súa dilatada historia".

Comentarios