O mundo da cultura chora a perda de Darío Xohán Cabana, mestre da lingua

Foi un clásico no sentido clásico. Escribiu sonetos e traduciu a Dante en tercetos encadeados. Erixiu novelas como torres que sinalan un camiño e poemas como cervos que baixan a beber nas fontes. Darío Xohán Cabana deixounos coa discreción de que sempre fixo gala, malia ser o autor dunha obra dun valor extraordinario. 
Darío Xohán Cabana no verán de 2019. (Foto: Jose Aragunde / FTT)
photo_camera Darío Xohán Cabana no verán de 2019. (Foto: Jose Aragunde / FTT)

“Teño que escribir como Dante, se Dante escribise en galego”, dixo algunha vez Darío Xohán Cabana. O grande escritor, tradutor e editor faleceu coa mesma discreción coa que viviu. Entregado á escrita e aos libros, nunca quixo facer alarde do seu maxisterio, malia que son moitas as razóns polas que a súa obra ocupa un lugar de honra no panorama da nosa literatura. Un verdadeiro mestre da lingua que comezou a escribir, como el mesmo recoñecía, por razóns patrióticas, por defender o galego, o país. 

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e tamén compañeiro e amigo, subliña esa cara do poeta: “É moito máis que un escritor: foi un grandísimo poeta, un narrador de primeira liña, pero foi tamén un gran patriota, un activista político e cultural”. 

Home e terra foi o revelador título da súa primeira obra, en 1970. A partir de aí, seguiron máis de corenta títulos de poesía, narrativa, relatos, ensaios, obras para a mocidade... Aquela pulsión patriótica levouno a explorar desde o literario a historia do país -O cervo na torre, Morte de rei-, a mitoloxía ancorada na materia de Bretaña -Galván en Saor- ou a narración popular entretecida con mitos e lendas -Fortunato de Trasmundi. A súa visión da literatura tiña moito da fantasía cunqueirana, mais tamén do pragmatismo político do seu grande amigo e mentor Xosé Luís Méndez Ferrín.

"Creo que non descubro nada se digo que Darío Xohán Cabana era un clásico vivo, o autor dunha obra de máis de corenta títulos dun nivel extraordinario, tanto na poesía como na prosa", di Víctor Freixanes

Académico desde 2006 -o seu discurso de ingreso titulouse De Manuel María a Ferrín: a grande xeración- sempre foi recoñecido como un ourive da lingua, un auténtico mestre no emprego dun idioma que coñecía á perfección e non deixou de estudar nunca. 

Víctor Freixanes, presidente da Real Academia da Lingua, declara que “creo que non descubro nada se digo que Darío Xohán Cabana era un clásico vivo, o autor dunha obra de máis de corenta títulos dun nivel extraordinario, tanto na poesía como na prosa. Eu tiven a honra de ser o editor algunhas delas como Galván en Saor ou Cabalgata na néboa, e lembro a profunda impresión que sempre me causaba a súa lectura. Como poeta, cun dominio absoluto do verso e do ritmo, e tamén como narrador, cuns títulos valiosísimos para as nosas letras. Para a Academia é unha perda irreparábel, e como compañeiro, é insubstituíbel, unha persoa moi emocional e moi sincera”.

"El sempre manifestaba que o seu mundo estaba alí, que as casas de Roás, os carreiros, a paisaxe... eran o punto de partida para recrear aqueloutros mundos que aparecían na súa obra", di Beatriz Maceda, da AELG.

Vocación temperá 

Darío Xohán Cabana naceu en 1952 en Roás -o Saor que acollería anos máis tarde as peripecias do cabaleiro Galván-, no concello de Cospeito, e xa desde adolescente mostrou a súa disposición cara á literatura e os libros. 

Beatriz Maceda, vicepresidenta da AELG, lembra o vínculo que sempre mantivo coa Terra Chá. "El sempre manifestaba que o seu mundo estaba alí, que as casas de Roás, os carreiros, a paisaxe... eran o punto de partida para recrear aqueloutros mundos que aparecían na súa obra". 

Era inevitábel que o camiño de Darío Xohán Cabana e o de Manuel María se cruzasen. O poeta chairego foi outro dos piares nos que Cabana se apoiou para impulsar a súa propia obra. 

"El, Manuel María e o poeta Xosé Luís García Mato formaban un trío moi coñecido na zona", revela Maceda, "sempre argallando algunha nova iniciativa, discutindo de literatura e de política, e construíndo proxectos para a Galiza". 

Da súa familia herdou o compromiso político -o seu pai e o seu tío eran comunistas republicanos- e con só dezaseis anos ingresou na Unión do Povo Galego (UPG), onde, xunto con Moncho Reboiras, participou na creación da Fronte Cultural. Anos despois, seguiría a Ferrín ao ingresar na Fronte Popular Galega (FPG).  

Angueira destaca que “entendeu que a literatura e a cultura era un campo fundamental da actividade emancipatoria da Galiza, e mantivo esa batalla toda a súa vida coas armas das que dispuña: o traballo intelectual e o activismo cultural. Mantivo até o final esa visión nacional do traballo do escritor”.

“El era un mestre da lingua e o seu coñecemento do idioma fixo que o galego resplandecese. E non só na súa obra senón tamén na de autores inmortais como Petrarca e Dante", declara Anxo Angueira

O tradutor 

Ese compromiso coas palabras manifestouse no seu labor de tradutor: traduciu a Petrarca, os trobadores occitanos, a San Francisco, e, sobre todo a Dante: a Vida Nova e -non unha vez senón, na busca da perfección, dúas- a Divina Comedia. Un traballo que lle valeu a Medalla de Ouro do Concello de Florencia. 

“Un home que acomete a obra xigantesca de traducir a Dante, a Petrarca, os poetas do dolce stil nuovo... -declara Freixanes- e de facelo con tanta precisión e tanta minuciosidade é unha perda enorme, moi dificilmente reemprazábel. 

“Darío deulle á Galiza algo impagábel”, acrecenta Angueira. “El era un mestre da lingua e o seu coñecemento do idioma fixo que o galego resplandecese. E non só na súa obra senón tamén na de autores inmortais como Petrarca e Dante. Autores que tardaron case setecentos anos en falar en galego pero que cando o fixeron, fixérono nunha lingua radiante. E iso foi grazas a Darío Xohán Cabana".

Un autor querido 

Desde que se coñeceu a nova do seu pasamento, as mostras de pesar e de cariño non deixaron de sucederse nos medios de comunicación e nas redes sociais: Darío Xohán Caban era un escritor querido polas persoas lectoras. 

"Hai que considerar que el tivo un enorme recoñecemento dentro e fóra da Galiza", di Freixanes. "Mais o recoñecemento máis grande que tivo foi a resposta da xente, do público, das persoas que se preocupan polo presente e polo futuro da nosa lingua e do noso país. Sempre foi unha persoa querida".

Unha ascese militante 

O coñecemento profundo e exhaustivo da lingua foi o cicel co que Darío Xohán Cabana moldeou algunhas das obras máis senlleiras do final do século XX. Poemarios como A fraga amurallada (1983), Patria do mar (1989), ou Cabalgada na brétema (2006) e novelas como Galván en Saor (1989), O cervo na torre (1994) ou Morte de rei (1996) levárono a lograr practicamente todos os premios de importancia do mundo literario galego. 

Non obstante, Cabana sempre se mantivo a unha prudente distancia dos ouropeis da cultura para concentrarse no traballo de escritor, tradutor, activista. Para colaborar con precisión e xusteza en todos os proxectos que consideraba proveitosos para o país. Unha ascese militante que xa é difícil de atopar entre as filas da cultura.

Comentarios