A Semana da Filosofía quece motores para a súa XL edición

Os relatorios decorrerán entre o 1 e o 5 de abril en Pontevedra.
Ana Area, Alexandre Cendón, Eva Mouriño e Anxo Pazó, esta terza feira. (Foto: Aula Castelao)
photo_camera Ana Area, Alexandre Cendón, Eva Mouriño e Anxo Pazó, esta terza feira. (Foto: Aula Castelao)

A Aula Castelao presentou esta terza feira o nome dos poñentes que participarán na próxima edición da Semana Galega da Filosofía que decorrerá entre o 1 e o 5 de abril no Teatro Principal de Pontevedra. O programa volverá ter sesións de mañá, tarde e noite. 

Despois de 40 anos reflexionando, xerando pensamento crítico e traendo até a cidade do Lérez algúns dos nomes máis relevantes dentro da filosofía contemporánea, nesta ocasión a Aula Castelao propuxo a temática do tempo para que filósofos e filósofas como Fina Birulés, Arturo Leyte e Franco Berardi desenvolvan os seus respectivos relatorios. 

Así, a apertura da Semana Galega da Filosofía correrá a cargo da filósofa catalá Fina Birulés, que falará sobre a obra de Hannah Arendt. Na terza feira será a quenda da filósofa Ana Carrasco Conde, que disertará sobre Tucídides, considerado o primeiro historiador científico. Xa na cuarta feira, a profesora de filosofía e feminista Ana de Miguel Álvarez impartirá a conferencia "Tempo das mulleres, tempo de feminismo". 

Xornadas vespertinas

Sobre María Zambrano falará ao día seguinte a profesora Isabel Balza e na sexta feira fechará as palestras matutinas a intervención de Francisco Conde Soto titulada "Da redención do pasado ao presentismo sen futuro: a temporalidade no mesianismo de Walter Bejamin e no capitalismo hipermoderno". 

En canto ás tardes, a Aula Castelao propón abordar esta temática do tempo desde o ámbito galego e para isto convidou o escritor Manuel Cabada, o historiador Anselmo López Carreira, a poeta Yolanda Castaño, a profesora María Leyra e o profesor Carlos Callón

Polas noites a Semana da Filosofía deixa paso á divulgación, para o que contarán co neurocientífico e comunicador Xurxo Mariño, a filósofa Alicia Puleo, a profesora Cristina García e o filósofo Franco Bifo.

Comentarios