O ciclo Mexer volta a Lugo para a súa segunda edición

O evento contará con seis artistas de diferentes puntos do país e dará comezo esta fin de semana.
Sergio Marey e Maite Ferreiro na presentacion do ciclo Mexer (Foto: Europa Press).
photo_camera Sergio Marey e Maite Ferreiro na presentacion do ciclo Mexer. (Foto: Europa Press)

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) acolle esta fin de semana unha nova edición do Ciclo de Performance Mexer que organiza a Galería de Arte Solaina para a Área de Cultura do Concello de Lugo.

Segundo indican desde a organización do evento, o ciclo Mexer "nace no ano 2021 coa intención de mostrar a importancia desta nova disciplina [o xénero Performance] na arte contemporánea, en especial na galega".

Nos últimos anos veñen xurdindo máis artistas no país que escollen esta disciplina como modo de expresión. Así "convértese nun dos focos a prestar atención para entender a arte máis de vangarda da nosa terra", de acordo coa organización do evento.

Con todo, pese ao prolífica que é, a Performance enfronta moitas dificultades para a súa mostra e a súa utilización como método de vida para as artistas creadoras, é por ese motivo que o "Ciclo Mexer quere ser esa mostra performativa, ese apoio aos novos talentos galegos e unha forma de introducir esta disciplina nas redes museísticas".

Seis 'Performers'

Esta nova edición do ciclo Mexer contará con 6 performers vidos de diferentes lugares, María Roja (Lugo), Sofía Fernández (Allariz), Noel Quintela (Monforte), Ariezzz (O Porriño), Akazie (Vigo) e Chex Nova (Madrid e Vigo). Seis artistas con seis performances moi diferentes, desde obras en bucle, a reflexións sobre a tradición, pezas de danza contemporánea ou de Drag.

Unha variada selección coa que se pretende mostrar a variedade e pluralidade das artistas e obras que están a agromar por toda a Galiza.

Sergio Marey, director da Galería de Arte Solaina indicou que o obxectivo do proxecto é "proporcionar un espazo aberto a todas as artes e disciplinas coa intención de descentralizar a arte e achegala á sociedade".

Comentarios