Contracultura

María Lopo: "A sombra da actriz María Casares tan só pode ser luminosa, é un referente para nós"

María Lopo (Vigo, 1967) é unha desas persoas que acurtan a distancia entre as culturas. Tradutora do bretón, así como artífice dunha serie de artigos e iniciativas para o coñecemento mutuo deste país e a Galiza, tamén destacou na tradución de textos en francés ao galego. Porén, pode que nos últimos anos sexa máis coñecida como investigadora e divulgadora da figura de María Casares, da que editou a correspondencia Cartas no exilio (Baía Ensaio, 2008) e o ensaio O tempo das mareas. María Casares e Galicia (CCG, 2016, con reedición actualizada este ano), así como a nova versión, con prólogo e notas, de Residente privilegiada (Renacimiento, 2022), tradución española das memorias da actriz, que estaban esgotadas das librarías. Dedicou tamén a esta figura a obra teatral O meu nome é María Casares (Ediciós do Castro, 2007) e este ano, centenario do seu nacemento, comisariou a exposición 'María Casares, actriz Océano', que pode verse até o 25 de xullo no Quiosco Alfonso da cidade da Coruña.
A escritora María Lopo na casa de María Casares en La Vergne, Francia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora María Lopo na casa de María Casares en La Vergne, Francia. (Foto: Nós Diario)

—Que poden atopar as persoas que se acheguen a 'María Casares, actriz Océano'?
A exposición é un percorrido cronolóxico pola vida e a obra da actriz galega exiliada, a través de obxectos, documentos e imaxes orixinais. A idea matriz foi a de homenaxear a súa figura no lugar onde naceu, e a través dela tamén lembrar o exilio republicano que ela sempre representou con orgullo. A maioría das pezas expóñense por vez primeira nesta mostra e nela colaboraron con ilusión unha trintena de prestadores internacionais, institucionais e privados. Isto dá idea da dificultade de recompoñer e honrar, aínda a día de hoxe, a memoria deste exilio.

—Ademais desta colección inédita de obxectos da actriz, a exposición acolle outras iniciativas para seguir divulgando a actriz.
Si, no marco da mostra realízanse diversas actividades para achegar a súa figura á sociedade, como as lecturas públicas gravadas ao vivo de Residente privilexiada por parte de actrices galegas, que foron organizadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia e o Concello da Coruña e nas que eu mesma colaboro. Teñen lugar os martes destes mes de xullo e a idea é editalas para crear un podcast que poida ser compartido na rede.

—A actriz abandona o país antes de facer catorce anos seguindo o exilio do seu pai, Santiago Casares. Cal foi a súa relación coa cidade da Coruña e coa Galiza?
María Casares escribe nas súas memorias que Galiza e A Coruña constitúen o lugar interior de onde tirar a forza para a súa vida e a súa creación. En realidade, estes espazos debuxan o paraíso perdido da infancia, un lugar íntimo que lle pertenceu antes do exilio e que probabelmente tan só existise xa nela e nas súas lembranzas. Este é un sentimento de perda que entenden ben as persoas desprazadas, un colectivo no que ela sempre se reivindicou.

—A actriz é unha figura complexa da que fomos sabendo cousas pouco a pouco. Que representa e que podemos recuperar dela para a nosa actualidade?
María Casares é unha creadora imprescindíbel na cultura europea do século XX; a súa arte interpretativa renovou as linguaxes teatrais francesas e a súa escritura ten unha calidade literaria incontestábel. A través da recuperación da súa obra estamos reivindicando non só a figura dunha muller libre senón tamén, como dixen, a memoria viva do noso exilio.

—Vemos como estes anos apareceron moitas obras sobre ela, un interese e recoñecemento que se cadra non tivo en vida. Estamos dialogando coa sombra de María Casares?
A sombra de María Casares tan só pode ser luminosa. Eu, persoalmente, non creo en mitos ou modelos, pero si penso que os referentes son necesarios, e recuperar a liberdade, a calidade, a valentía e o antifascismo que ela encarna desde a creación galega máis diversa tan só pode enriquecer o noso presente, e contribuír a entender mellor o noso pasado.

Comentarios