ALBERTE BRANCO, DIRECTOR DA ESCOLMA DE CINEMA

"Sarria ten necesidade non só de cinema 'entertainment', senón de cinema con alma e discurso"

A Escolma de Cinema Galego regresa o 18 de marzo cun severo recorte, froito da falta de apoio da Deputación de Lugo: a segunda edición terá só unha xornada, contra as tres coas que contou en 2016. Falamos co seu director, Alberte Branco.

Alberte Branco
photo_camera Alberte Branco

- Sorprende que a segunda edición se reducira a un tercio da programación, que pasou?
- Nada, que simplemente este ano non apoiou a área de Cultura da Deputación de Lugo. Pero para nós non ten ningunha importancia. O importante é que continúe a Escolma de Cinema Galego en Sarria. E o que teño que destacar, e con moito orgullo, é o apoio da Concellaría de Cultura de Sarria, que segue apostando por traer a esta vila os valores do cinema galego que están a despuntar polo mundo, e tamén aos nosos músicos.

- Como avaliastes a experiencia do ano anterior? Como foi a resposta do público sarriao?
- O público sarriao foi de dez, porque estaban todas as proxeccións cheas de xente de todas as idades. E, posteriormente, houbo debates intensísimos cos e coas cineastas, que iso é moi importante, poder falar directamente cos autores. Nótase que é unha vila na que se pecharon as fiestras, os cinemas, pero teñen necesidade de ver cinema. E Sarria ten necesidade non só cinema 'entertainment', senón cinema con alma e con discurso. E se hai resposta de público, o importante é que estas fiestras teñan continuidade, e seguimos grazas ao apoio da Concellaría de Cultura e seguiremos porque nos parece unha actividade necesaria para que teñan oportunidade de ver estes filmes que non poden ver nas salas comerciais. 

- O voso obxectivo segue a ser a democratización do cinema de autor nunha vila como Sarria, non? E, á marxe das proxeccións, tedes actividades, non?
- Este ano, non. O ano pasado, como eran tres xornadas, tivemos actividades a maiores, como un roteiro polos antigos cinemas de Sarria. Pero este ano, como tivemos que concentrar todo nunha xornada, pois centrámonos nas proxeccións de catro filmes, deixando para o final un concerto de dous grupos galegos, que están funcionando moi ben, que son Chicharrón e Pantis, pop con letras en galego. 

- Son catro filmes, varios deles recoñecidos internacionalmente, como 'Mimosas', de Laxe. 
- Este ano contamos con catro filmes, baixo o subtítulo, que é 'Cinemas migratorios e cineastas galegos na emigración'. Tres están recoñecidos internacionalmente: 'Mimosas', 'Os días afogados' e 'No cow on the ice', e despois está 'A viaxe dos Chévere'. Esta última conta como a compañía Chévere tivo que saír de Santiago por culpa de políticas erróneas levadas a cabo por un alcalde corrupto, que foi Conde Roa e o seu equipo. E 'Os días afogados' narra a historia de dúas aldeas anegadas por un encoro que tiveron que emigrar sen retorno, que é o máis triste. E logo dous cineastas que temos na emigración filmando culturas polo mundo. Unha é 'No cow on the ice', de Eloy Domínguez, un retrato en primeira persoa de como el se foi adaptando á vida en Suecia, e vaise filmando a si mesmo nesta integración. Ten un premio importante do festival suízo 'Visions du reel', e o ano pasado foi o mellor filme do Play-doc. E a estrela deste ano, aínda que todas o son, é o 'Mimosas' de Oliver Laxe, os avós son dos Ancares, seus pais da Coruña emigrados en París que retornaron. E el filma en Marrocos unha fita con moita alma e cunha sensibilidade espectacular, acadando un dos premios máis potentes a nivel mundial. Gañar a sección da crítica do Festival de Cannes está ao alcance de moi pouca xente. 

- O 2016 foi un ano ano vizoso para o cinema galego, cunha chea de premios a nivel internacional, e consolidando a marca cinema galego no mundo.
- A verdade é que si, con estes filmes que están despuntando nos mellores festivais do mundo, os nosos cineastas estánse consolidando no cinema de autor como un referente. Fálase deles nas revistas da crítica de máis prestixio do mundo. Si, podo dicir dicir que está consolidado e espero que teña continuidade. 
 

Comentarios