Unha nova asociación velará polo patrimonio cultural da entidade uruguaia

A Xunta desenténdese do legado histórico da Casa de Galiza de Montevideo

O recente feche da Casa de Galiza de Montevideo e as incógnitas que rodean o futuro do seu patrimonio devolven á actualidade a inacción da Xunta á hora de defender o legado cultural da diáspora. O destino incerto dunha obra tan emblemática como 'A Santa' de Asorey, é un exemplo da desprotección e o abandono. 
'A Santa' de Francisco Asorey, na exposición 'Galicia, un relato no mundo', no Gaiás, en 2020. (Foto: Manuel G. Vicnte / Cidade da Cultura)
photo_camera 'A Santa' de Francisco Asorey, na exposición 'Galicia, un relato no mundo', no Gaiás, en 2020. (Foto: Manuel G. Vicnte / Cidade da Cultura)

A Santa é marabillosa: unha muller nova pero co corpo xa moi traballado, co ventre dunha muller que xa pariu, que ten as mans grandes e marcadas polos labores do campo, chantada no chan aguantando o peso que leva ao lombo… É unha deusa, non unha santiña”. Así definía o escultor Francisco Leiro, nunha entrevista para Sermos Galiza, a obra de Asorey que agora está na boca de todo o mundo polo risco de que caia en mans privadas, despois de que a Casa de Galiza de Montevideo, propietaria da obra, fechase as súas portas definitivamente e de que iniciase o proceso de poxa dos seus bens.  

A emblemática escultura é un dos grandes referentes da arte galega, e foi entendida no seu tempo en chave política, como un símbolo da situación da Galiza da altura. Pero a institución, ademais, conta con obras de autores como Castelao ou Colmeiro e con dúas bibliotecas, a "Alfonso R. Castelao", que cataloga máis de 5000 volumes de carácter xeral e a “Manuel Albo”, de carácter técnico-médica. 

A relevancia da Casa de Galiza en Montevideo foi tan grande como para funcionar como sede do Consello da Galiza, o Goberno galego no exilio

A Casa de Galiza de Montevideo, unha das institucións máis importantes das creadas pola comunidade galega en América, foi intervida polo Goberno uruguaio polas débedas acumuladas nos últimos anos, froito dunha xestión moi cuestionada. Fundada en 1917, chegou a ser, xunto co Centro Galego de Bos Aires, unha das asociación máis activas da diáspora, e contou, no seu momento de maior esplendor con até 105.000 socios. A súa relevancia foi tan grande como para funcionar como sede do Consello da Galiza, o Goberno galego no exilio, constituído en novembro de 1944 por Antonio Alonso Ríos, Elpidio Villaverde Rey, Ramón Suárez Picallo e o propio Castelao. 

Nas últimas semanas repetíronse as mobilizacións e as demandas á Xunta de Galiza para que inicie accións que protexan o patrimonio cultural e histórico da institución. Quizais para responder a esa vindicación colectiva, o síndico Fernando Cabrera, administrador concursal da Casa de Galiza, declarou que “non estamos incluíndo os [bens] que teñen valor cultural. Todos eses, para darlle tranquilidade a esa importante colectividade (galega), non están e estamos buscando algunha alternativa que permita salvagardar todo o que é cultural e da propia colectividade”. Porén, aínda non é seguro que a poxa do resto dos bens da entidade cubra as súas débedas, polo que o futuro do patrimonio permanece no aire. 

Esta pasada terza feira constituíuse unha nova asociación, a Casa de Galicia Centro Histórico e Cultural, que pretende conservar o patrimonio cultural da entidade desaparecida. No acto de constitución da nova entidade estiveron presentes o embaixador de España en Uruguai e representantes da meirande parte dos colectivos de emigrantes en Uruguai, mais non a Xunta da Galiza, que se limitou a enviar unha nota de desculpa pola súa ausencia ao tempo que mostraba o seu “apoio” aos obxectivos da asociación. 

O Executivo galego permaneceu practicamente ausente do conflito desde o inicio da crise que rematou co feche da Casa de Galiza en Montevideo

A Xunta, ausente 

O certo é que o Executivo galego permaneceu practicamente ausente do conflito desde o inicio da crise que rematou co feche da Casa de Galiza en Montevideo. Ao día seguinte da intervención do Goberno uruguaio, Alberto Núñez Feixoo declarou que “confiaba” en que a intervención fose temporal e escudouse en que a entidade era privada para non contestar as preguntas que se lle formularon sobre ese tema. Esta falta de resposta está sendo moi criticada desde a comunidade galega en Uruguai e desde a oposición política na Galiza. 

O BNG, a través da súa coordinadora de Relacións Internacionais, Ana Miranda, e do deputado no Parlamento galego Daniel Castro, instou ao Goberno galego a que "exerza un papel activo" con esta asociación para evitar, por exemplo, que a escultura de Francisco Asorey A Santa sexa "vendida nunha poxa e remate en mans privadas". "Resulta indignante a indiferenza e total desinterese do Goberno pola situación desta institución centenaria, creada en 1917 cos aforros de emigrantes galegos, así como o pouco poder político da Secretaría de Emigración", lamentou Ana Miranda. A formación presentou varias iniciativas no Parlamento Galego "para mediar e salvar o patrimonio desta institución", mesmo valorando a posibilidade de que o Goberno galego merque a escultura de Asorey e o resto de bens da institución. 

Tamén o PSdeG, a través so seu secretario de Organización, Xosé Manuel Laxe, sinalou o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, como responsábel de "perder o legado patrimonial" da Casa de Galiza en Montevideo mentres está centrado en “ver se herda a finca” -en alusión ao proceso de sucesión iniciado tras a marcha de Núñez Feixoo a Madrid- e "completamente ausente dos asuntos de máxima relevancia", como o feche desta institución. O PSdeG culpa a Xunta de "perder o legado patrimonial" da entidade. “Primeiro perderon a Casa de Galiza de Bos Aires e agora 105 anos de patrimonio, de legado cultural dos galegos e galegas en Uruguai, a cuarta comunidade galega no mundo, tíranse, abandónanse e non se fai absolutamente nada por preservar o seu patrimonio", acusou.

Unha escultura subversiva

Cando Asorey  presentou A Santa na Exposición Nacional de Belas Artes no Madrid de 1926, rachou coas convencións estéticas do seu tempo e provocou un amplo debate cunha representación do corpo da muller moi afastada da figura idealizada á que estaba afeito o público. 

Maribel Iglesias Baldonedo, no seu libro Francisco Asorey, escultor gallego, conta que a raíña Victoria Euxenia se escandalizou ao ver a escultura. “Polo nú da figura? Seguramente non. A exposición estaba chea de mulleres núas pero nada como esta obra. Un realismo brutal amosáballe á raíña algo que descoñecía: a vida de traballo das mulleres galegas que coidan a casa, crían os fillos, traballan as terras e sosteñen a casa cando o home emigra (…). Pareceulle subversiva, dixo que debería ser prohibida".

Comentarios