Cinema

'Salvaxe, salvaxe', de Emilio Fonseca, premio ao mellor documental no Festival de Málaga

"Recorremos a materiais mixtos para descubrir os poucos rincóns de vida salvaxe que quedan no noso territorio, e que son, tamén, sempre híbridos. Nunca nos interesou falar desde o puro ou insistir na mentira de que Galiza é un paraíso verde; nós estamos comprometidas co territorio e mirámolo frontalmente", salienta o director.
Fotograma de 'Salvaxe, salvaxe'.
photo_camera Fotograma de 'Salvaxe, salvaxe'.

A primeira longametraxe do cineasta ourensán Emilio Fonseca, Salvaxe, salvaxe, resultou premiada na 27ª edición do Festival de Málaga, onde tivo a súa estrea mundial, coa Biznaga de Plata á mellor longametraxe documental. O xurado destacou a capacidade dun filme que considera "importante", por "repensar a categoría do salvaxe desde esta apocalipse climática", mentres nos "convida a reeducar a nosa capacidade de asombro, tenrura e conciencia de que somos interespecie".

A película pretende inspirar o público a "superar as relacións (auto)destrutivas que mantemos coa nosa contorna viva, da que dependemos", como explica o seu director. O equipo promete espallar por todo o territorio un "cinema de encontro: xuntarnos para mirar, pensar e activarnos".

Esta produción galega achégase ao lobo ibérico desde un cinema "inmersivo e político: un anti-documental de natureza". Neste sentido, a cinta ensaia novas imaxes para representar a vida no planeta, superando a tradición do 'documental de natureza', que retratou como 'naturais' os "espazos-postal, onde a humanidade parece non existir". Así e todo, "non estamos separados/as da natureza, somos parte dela e estamos xuntas nisto. Mirarnos desde dentro do mundo vivo, identificarnos, é o primeiro paso para proxectar todas as nosas relacións, humanas e interespecie, de forma empática, compasiva", comenta o director.

"O soño ecoloxista precisa de imaxes liberadoras: intentamos contribuir cunhas cantas", comenta a cineasta e produtora da película, Xiana do Teixeiro, de Walkie Talkie Films (Tódalas mulleres que coñezo, 2018). Este documental-ensaio construíuse durante unha longa investigación que se achegou á realidade material das "terras do lobo" no sur da Galiza e o norte de Portugal.

A película, en palabras do director, "interésase polas interseccións entre ciencia e arte", e inclúe imaxes telescópicas e microscópicas, nocturnas, imaxes de cámaras trampa, así como unha indagación sonora que nos convida a "conectar perceptivamente" con outras que viven cerca de nós. "Recorremos a materiais mixtos para descubrir os poucos rincóns de vida salvaxe que quedan no noso territorio, e que son, tamén, sempre híbridos. Nunca nos interesou falar desde o puro ou insistir na mentira de que Galiza é un paraíso verde; nós estamos comprometidas co territorio e mirámolo frontalmente", sinala.

Salvaxe, salvaxe foi rodada na Galiza e Portugal e conta cun equipo galego e catalán. Ademais de dirixir, Emilio Fonseca é coautor do guión xunto con Xiana do Teixeiro, á vez produtora do filme. A cargo da música está o compositor ferrolán de música experimental Ángel Faraldo; o creador Xoán-Xil López encárgase do deseño sonoro, Laura Iturralde dos efectos visuais e Laura Ginès e Pepón Meneses do deseño de animacións e a dirección de arte.

Ademais, contou coa colaboración e o asesoramento científico de varios investigadores galegos e portugueses, particularmente do Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos (CIBIO) da Universidade de Porto. O filme conta, así como co apoio do Ministerio de Cultura a través do ICAA, a Xunta da Galiza a través da Agadic e mais da TVG. Na súa fase de produción o filme pasou polo lab de L’Alternativa (Cinema Pendent), onde foi premiado, e polo programa 'Base' do festival de cinema e novos medios Intersección.

Comentarios