Contracultura

Rosa de Cabanas: "Debuxo na miña lingua, que é o galego e o feminismo, o mundo rural e a memoria"

Rosa de Cabanas (Ouzande, A Estrada, Terra de Montes, 1976) é ilustradora e arquitecta. Unha das súas creacións, en homenaxe a Rosalía de Castro, ilustrará a capa do especial que este 23 de febreiro acompañará 'Nós Diario' para conmemorar o 187º aniversario do nacemento da poeta.
A artista Rosa de Cabanas no seu estudio. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A artista Rosa de Cabanas no seu estudio. (Foto: Nós Diario)

—Como combina o seu interese pola ilustración coa súa profesión?
Estudei arquitectura, mais sempre tiven interese polo debuxo e a ilustración. O que pasa é que non o tiven en conta como unha posibilidade profesional e laboral até que rematei a carreira e me puxen a traballar. Aí fíxenme autónoma rapidamente e comecei a combinar traballos de arquitectura con outros de deseño gráfico. Nestes últimos foi onde comecei a introducir a ilustración e pouco a pouco foi gañando peso no meu día a día. Con todo, non comecei a facer proxectos persoais até hai pouco.

Sempre fun facendo cousas moi diferentes á vez e sen seguir un plan para a miña carreira. Pensaba que nalgún momento ía dedicarme a algo en exclusiva, no deseño ou na ilustración, mais nunca conseguín deixar de facer todo o que fago. Nalgún momento descubrín que iso é o que me dá a vida porque unhas cousas se alimentan das outras. Aceptei que a miña maneira de traballar é esta.

—Tanto na obra de Rosalía, que ilustrará a capa do especial de Nós Diario, como na súa serie Compañeiras, inspírase na realidade do país.
Debuxo na miña lingua, que é o galego, por suposto, mais tamén é o feminismo, a miña contorna, a preocupación pola natureza e o mundo rural, a memoria... Todo isto vai aparecendo nas miñas obras, dunha maneira ou doutra. Rosalía é todo iso e para min era moi simbólico facer unha ilustración así. Eu non podo evitar que as cuestións que me preocupan e me condicionan aparezan no meu traballo cando teño un mínimo de liberdade para expresarme.

En Compañeiras, así como noutras series de ilustracións que fixen, ao ser persoais, tamén falo do que me interesa falar a min. E moitas veces as cousas non é que sexan tan premeditadas senón que se foron facendo ao longo do tempo e construíndose. A primeira serie que fixen foi a de Mulleres valentes, na que apareceu esta Rosalía, foi un exercicio de experimentación con técnicas que non controlaba tanto.

Nas miñas ilustracións, para cartelaría e demais, sempre intentei buscar a máxima expresividade en poucos trazos utilizando sobre todo rotuladores e tintas planas. Nesta serie a miña intención era buscar iso mesmo a través da acuarela ou a tinta, que parece sinxelo, mais non o é. Ademais tamén me propuxen o exercicio de publicalo nas redes sociais, comprometéndome a facer un debuxo cada semana. Aínda así foi un exercicio moi produtivo porque experimentei moitísimo e aí foi cando comezou a fluír algo. Despois desta serie xa estaba enganchada.

—E aí chegaron as seguintes series?
Totalmente. Se na serie de Mulleres valentes había retratos de mulleres, na de Mulleres imaxinadas retratei aquelas das que non había imaxes, como Pepa A Loba, Isabel Zendal ou Avelina Valladares. Este xa era outro tipo de exercicio, de imaxinación e de buscar outro tipo de referencias. Compañeiras veu despois co obxectivo de retratar os lazos entre as mulleres en distintos ámbitos da súa vida.

A medida que fun publicando cousas, a pesar de non ter moitísimos seguidores nas redes sociais, apareceu tamén unha resposta que eu non esperaba: había moitas persoas dándome as grazas por difundir estas figuras que non coñecían. Aí foi cando pensei que quizais estaba a facer algo máis do que eu pensaba nun principio.

Comentarios