A Xunta ve o rexeitamento do Icomos á Ribeira Sacra coma unha oportunidade para "aproveitar"

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, recoñece que o feito de que a candidatura a Patrimonio da Humanidade quedara adiada permite "corrixir" puntos máis febles e "fortalecer" o traballo que se presentou.
Imaxe da Ribeira Sacra. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe da Ribeira Sacra. (Foto: Europa Press)

Allea ao malestar que causou que o Icomos, organismo asesor da Unesco, recomendara retirar a candidatura da Ribeira Sacra da carreira para converterse en Patrimonio da Humanidade, a Xunta ve esa recomendación como una oportunidade a "aproveitar" para "corrixir" as feblezas da candidatura.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, comentou esta cuarta feira no Parlamento que a idea do Executivo galego é seguir traballando "con humildade, seriedade e optimismo" na proposta. Mesmo pensa volver a contactar co Icomos en setembro e tamén incorporarán máis persoal ao grupo que prepara a concorrencia.

"Debemos aproveitar a decisión de pospoñer os trámites finais para fortalecer o noso traballo e acreditar coas máximas garantías os valores excepcionais da Ribeira Sacra", resaltou Rodríguez, que detecta a necesidade de "conseguir unha mellor comprensión dos valores excepcionais" da Ribeira Sacra por parte da Unesco.

Ao seu parecer o informe negativo do Icomos debeuse á "diferenza" na "visión conceptual" que teñen ambas partes -a Xunta e as persoas encargadas de avaliada- que non consideran que o valor do espazo natural sexa o mesmo.

 "Uns entenden que se trata dunha paisaxe fósil e estática e os que a elaboraron entenden que se trata dunha paisaxe viva, que evoluciona", apuntou.

Malia este posíbel atranco, Rodríguez asegurou que confían nos valores da zona e que continúan a crer "que merece o máximo recoñecemento da Unesco en materia de patrimonio".

"Sen capacidade"

En todo caso, na Cámara a postura da Xunta foi moi criticada. A deputada do BNG Mercedes Queixas tachou de "fracaso colectivo" o adiamento da candidatura, un erro que segundo a súa opinión ten "nomes e apelidos".

"O Icomos delatou a inexistencia dunha planificación política patrimonial por parte da Xunta", sostivo a deputada, que cualificou de "demoledor" o informe.

Pola súa parte, a socialista Noa Díaz asegurou que a "retirada desta candidatura é a mostra da incapacidade do Goberno de Feixoo para redactar un proxecto suficientemente solvente". "Iso preocúpanos moito", incidiu.

Comentarios