A candidatura fallida da Ribeira Sacra: non se lembra "semellante contundencia" do Icomos

A oposición insta o conselleiro de Cultura a comparecer en sede parlamentaria para explicar "que fallou" na candidatura da Ribeira Sacra na Unesco e alerta da "gravidade" das consideracións expresadas no informe do organismo asesor, que recomenda a non inscrición da área na lista de Patrimonio Mundial. Aliás, lamenta a falta de "transparencia" en todo o proceso.
montagem-web
photo_camera Á esquerda, panorámica da Ribeira Sacra, á dereita, as deputadas Mercedes Queixas, do BNG, e Noa Díaz, do PSdeG. (Foto: Nós Diario)

Desde que a Xunta anunciou o adiamento "estratéxico" da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial non deixaron de sucederse movementos contrarios entre Goberno e oposición. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Partido Socialista (PSdeG) rexistraron durante esta semana peticións de comparecencia do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no pleno do Parlamento, interpelacións e preguntas sobre o expediente presentado á Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), o Plan Ribeira Sacra (dotado con 34 millóns de euros e que se estende até 2023) e a liña de traballo que se desenvolverá a partir de agora. 

Á espera de que as solicitudes dos partidos da oposición sexan escoitadas e respondidas, o conselleiro de Cultura reuníase na sexta feira cos alcaldes da Ribeira Sacra para explicarlles que a candidatura "sairá reforzada da actual situación". E non só iso, na pasada terza feira, comparecía no Museo do Prado de Madrid para presentar a candidatura diante de 21 embaixadores da Unesco.

Un acto que, se ben podía ter carácter protocolario e estar incluído no calendario da candidatura, chamou a atención das deputadas Mercedes Queixas (BNG) e Noa Díaz (PSdeG), coas que conversou Nós Diario, por producirse logo do adiamento do proxecto e tras coñecerse o "contundente e demoledor" informe do Comité internacional dos monumentos e dos sitios (Icomos) que, lonxe de achegar consideracións ou reformulacións  recomenda que "A Ribeira Sacra non se inscriba na Lista do Patrimonio Mundial". 

"Estamos ante unha situación moi grave", di a deputada Mercedes Queixas. "Falando con varios especialistas non recordan semellante contundencia, cunha recomendación de que non se inscriba na lista do Patrimonio Mundial, algo que en absoluto é habitual, que non se faga pasar por unha situación ordinaria e puntual", engade.

Un mal expediente rodeado dunha nula transparencia

"Cando se le o informe vese que o presentado non demostra que a Ribeira Sacra teña un valor universal excepcional", recalca Mercedes Queixas. "Fálase do valor sacro pero iso hoxe en día non existe, os mosteiros non teñen vida monacal", di Queixas, con quen concide Díaz, que engade "a Ribeira Sacra ten moitas máis potencialidades que vender que o tema da sacralización". 

Outro "grave problema" no que coinciden ambas as deputadas é que o proxecto "non se socializou coa contorna", non se contou realmente "cos concellos e co tecido asociativo do lugar". "Están a falar dun paso máis na estratexia, de que hai un ano máis... O que hai que facer é pórse a traballar en serio porque os alcaldes e as alcaldesas da zona comunícannos que non existen unha interlocución que permita a mellora...", relata a deputada do Partido Socialista. 

Por estes erros, tanto desde o BNG como desde o PSdeG destácase a necesidade de coñecer o expediente que se presentou á Unesco, que persoal técnico o elaborou, canto custou ou como se executou o procedemento. "Houbo falta de transparencia de principio a fin e agora hai que asumir responsabilidades políticas e técnicas e o conselleiro ten que explicar que foi o que fallou", afirma Queixas.

"Esta candidatura non vai entrar nunca máis, non pode entrar, é un engano", engade a nacionalista. "O que teñen que explicar é por que desbotaron o proxecto de Ferrol cando podían presentar as dúas candidaturas, porque o Concello de Ferrol xa presentou en 2018 a súa candidatura á Xunta", sentencia.

Investimento de 34 millóns e fondos Next Generation

En 2019 o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, presentaba o Plan Ribeira Sacra, dotado con 34 millóns de euros e que estendía a súa duración até 2023. Unha cantidade da que se fala sen cesar desde o anuncio do adiamento da candidatura e sobre a que se indica que é "unha ambiciosa folla de ruta que inclúe 35 accións de diversos departamentos da Xunta". "Mais os concellos non teñen idea de que hai nese plan”, comenta Noa Díaz, “e tamén se creou unha comisión interdepartamental da Ribeira Sacra que se dixo que estaba pensada para impulsar esta candidatura e nós preguntámonos cantas reunións tiveron...”.

Pola súa parte, Queixas pregúntase que se fixo "con todo ese diñeiro xa investido? A onde foi? Para que? Con que criterios? E que vai pasar agora?". Unha serie de cuestións que agardan poder presentarlle a Román Rodríguez en sede parlamentaria nas vindeiras semanas. Mentres, o conselleiro apunta a posibilidade de captar fondos europeos Next Generation, destinados a paliar os efectos económicos da pandemia da Covid-19.

Comentarios