Os porqués do 'non' da Unesco á Ribeira Sacra para ser Patrimonio Mundial

O informe de Icomos sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade discrepa en case todas as consideracións achegadas na candidatura presentada pola Xunta. Os eólicos ou a falla dun plan de xestión concreto son algunhas das eivas que destacan dentro do proxecto.
ribeira-sacra-1-2020-03-09
photo_camera Panorámica da Ribeira Sacra na que se aprezan as súas particulares parras nos socalcos. (Foto: Nós Diario)

O pasado 3 de xuño, a Xunta da Galiza, de acordo co Goberno do Estado español, anunciaba que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) se adiaba de modo “estratéxico” para fortalecer “aínda máis” a candidatura. Unha vez feito público o informe elaborado polo persoal técnico do Comité internacional dos monumentos e os sitios (Icomos), que visitou o lugar entre o 4 e o 11 de outubro de 2020, coñécese a recomendación final da entidade, “non debería inscribirse na listaxe de Patrimonio Mundial”, conclúen desde a Unesco.

Aínda así tanto Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, como o embaixador de España na Unesco, Juan Andrés Perelló, basean as esixencias para a declaración de Patrimonio Mundial nun exceso de candidaturas, xa que as correspondentes a 2020 tamén se deciden agora, e mais na maior presión da Unesco sobre aqueles estados cun maior número de bens cualificados como Patrimonio da Humanidade, e así Rodríguez lembraba que España ocupa o terceiro lugar, por detrás de Italia e mais da China.

As razóns achegadas polas administracións baten de fronte co calendario da candidatura, que en novembro recibiu as derradeiras correccións da Unesco e que agora, cando se decide adiar o procedemento final, indica un período de "corrección de erros menores".

A ausencia dunha boa política ambiental está na base do informe negativo de Icomos

O 18 de agosto de 2019 Nós Diario facíase eco da denuncia da Plataforma Stop Eólicos sobre a concesión por parte da Xunta de dous novos parques, en Paradela (na imaxe) e na Serra das Penas, que "prexudican a candidatura da Ribeira Sacra a formar parte do Patrimonio Mundial da Unesco", dicían.

O informe de Icomos feito público agora ratifica esta e outras denuncias ao falar do "impacto visual" destes muíños, dos encoros ou das canteiras a ceo aberto, así como ao referirse aos incendios forestais que afectan a zona e a repoboación con árbores non autóctonas que "obstrúen" a concepción unitaria do territorio.

"Malia que o dossier describe o lugar como un continuo", di o informe, "Icomos non ve como as infraestruturas modernas contribúen á proposta".

Explotación do medio 

O informe da Unesco é contundente e xa no segundo apartado da análise, cando se refire aos "Factores que afectan o territorio" marca o desenvolvemento, o medio ambiente, a demografía e a presión turística, e destaca que as canteiras a ceo aberto presentes, e cualificadas na candidatura da Xunta e do Estado español como debilidades do proxecto, “non deberían estar permitidas dentro das lindes” dunha área candidata a ser nomeada Patrimonio Mundial.

Ademais disto, Icomos destaca o "impacto visual das turbinas eólicas presentes na zona", que xunto coa reforestación de terreos incendiados con grandes masas forestais foráneas crean "unha obstrución visual para apreciar a ligazón entre os mosteiros e os ríos".

"Crearon o núcleo duro da candidatura arredor dunha secuencia de encoros polo Miño e polo Sil", lembra a secretaria da asociación de patrimonio O Sorriso de Daniel, Carme Varela, o falar da incoación do expediente Ben de Interese Cultural (BIC) co que se iniciou a candidatura en 2017. 

Mosteiros non singulares

O informe demostra que o proxecto presentado para conseguir o nomeamento de Patrimonio Mundial non consegue "demostrar" ningún dos valores culturais dos que fala. A análise comparativa que achega sobre o testemuño monástico, a sacralización da zona e a súa excepcionalidade cultural defendidas no proxecto da Xunta nomean unha longa lista de lugares que destacan nesas mesmas características "comúns en toda Europa".

Icomos recalca que moitos mosteiros non teñen uso relixioso e con intervención na comunidade senón turístico, como o parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, no concello de Nogueira de Ramuín.

"Pois ben, no Anexo II da resolución de incoación as referencias ao estado de conservación dos bens son escasísimas e, no máis dos casos, nulas", explicaban en 2018 as alegacións achegadas en prazo polo Sorriso de Daniel ao expediente BIC e desestimadas pola Xunta por "falta de tempo".

Daquela a asociación destacaba que non había alusión ao estado de conservación dos bens, e tamén enumeraba os erros cometidos, por exemplo, co mosteiro de San Paio de Abeleda, en Castro Caldelas.

"Onde di que a igrexa de San Paio de Abeleda ten planta de cruz latina debe dicir planta basilical. Onde di que a capela é de planta semicircular debe dicir de planta cuadrangular. Onde di que tivo cuberta de madeira debe dicir que ten cuberta abovedada de pedra", son só algunhas das correccións e non tidas en conta.

Falla a xestión do turismo

A xestión das visitas é outro dos temas no que Icomos atopa erros, destacando que a pesar de  implicar a Axencia de Turismo da Galiza e de crearse, en 2005, o Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, a estratexia de promoción está centrada na protección e nos valores do lugar, mais "os efectos do turismo mídense e xestiónanse segundo a capacidade de cada lugar", e destaca que esta capacidade non está definida na proposta presentada.

Informe do Icomos sobre a candidatura da Ribeira Sacra

Comentarios