A retirada da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade despexa o camiño ao Prado, ao Raíña Sofía e ao Thyssen

O Sorriso de Daniel, un dos colectivos máis activos en defensa do patrimonio galego, advirte das debilidades da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e pregúntase até que punto o feito de aspiraren á mesma declaración os museos do Prado, o Raíña Sofía e o Thyssen Bornemisza, os tres en Madrid, puideron influír na decisión do Goberno español e do galego á hora de retirar o nomeamento da zona que comprende as ribeiras dos ríos Cabe, Sil e Miño.

ribeira
photo_camera Un detalle da paisaxe da Ribeira Sacra (Imaxe: Nós Diario).

A pasada quinta feira coñecíase que o Goberno estatal e o galego acordaban aprazar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Na mañá da sexta feira, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, explicaba, en resposta ás preguntas dos medios, que a decisión se adoptara por "prudencia" e "responsabilidade", así como "para alcanzar o éxito da mesma".

Escudábase en que o informe técnico requiriu "melloras" nas exposicións de aspectos básicos en relación á incidencia dos encoros na paisaxe e a sacralidade da zona, dado que foi un espazo desamortizado. "Son cuestións que se van corrixir, pero por prudencia parecíanos máis lóxico aprazar un pouco a declaración última", afirmou o titular de Cultura, que insistiu en que é unha decisión "bastante normal nestes expedientes".

Porén, colectivos que promoven a difusión e o coidado do patrimonio galego, como O Sorriso de Daniel, poñen en dúbida a argumentación. De feito, a pasada quinta feira emitía un comunicado no que advertía da posíbel relación entre a retirada da candidatura da Ribeira Sacra para "despexar" o camiño aos museos do Prado, o Raíña Sofía e o Thyssen, os tres localizados en Madrid.

"O Goberno de España (e a Xunta da Galiza se é que son sabedores tamén) debería aclarar até que punto non interferiu nesta decisión de retirar a candidatura o feito de que coincidise en tempo coa dos Museos madrileños de El Prado, Reina Sofia e Thyssen Bornemisza e que a retirada da Ribeira Sacra lle deixa o camiño mais despexado para estoutra candidatura", salientou a asociación.

Unha soa candidatura do Estado español

A tese do colectivo refórzase coas declaracións realizadas aos medios de comunicación na sexta feira por Román Rodríguez, que informaba de que "hai unha tradición" pola que o Estado español só presenta unha candidatura anual e apuntaba que este ano decorrerán dous comités da Unesco, despois de que o pasado ano non tivera lugar ningún debido á pandemia.

A Consellaría tombou as máis de 60 alegacións á declaración da Ribeira Sacra como BIC

O Sorriso de Daniel participou activamente, con numerosas actividades, na visibilización da candidatura da Ribeira Sacra e achegou máis de 60 alegacións á declaracion como Ben de Interese Cultural deste espazo, que comprende as ribeiras do río Cabe, do Sil e do Miño. Porén, a Consellaría de Cultura tombou as reclamacións da entidade, que pedía que se ampliase o BIC.

"Estivemos sempre a disposición da consellaría para colaborar", sinalan no comunicado, "non podemos menos que manifestar de novo que unha das debilidades da candidatura era a falta de visibilización da implicación cidadá". Neste sentido, O Sorriso de Daniel acusa a Consellería de "virar as costas ás organizacións que traballabamos nese territorio".

"Demostrouse que as poucas convocatorias que tivemos reducíronse a unha mera campaña de maquillaxe na que non houbo nunca escoita activa por parte da Consellería e que isto foi en detrimento da candidatura", opina a asociación, que empraza a Xunta da Galiza e ao Goberno estatal a "marcar unha data de reinicio de traballos cun horizonte próximo para saber en que momento se volverá presentar".

Erros na candidatura

O Sorriso de Daniel, que considera que os erros na candidatura son "manifestos", considera que o feito de que se chegase ao mes de xuño -un mes antes da avaliación final- con discrepancias no informe "visibiliza que as axendas de tramitación non estaban ben marcadas e que a Consellería de Cultura, impulsora da candidatura, debería facer unha profunda autocrítica para saber cales foron as razóns para chegar a esta situación e quen son os responsábeis últimos".

Na mesma liña, afirma que o traballo foi "incompleto e falto de rigor" e que merecía "o maior dos esforzos". Tramitouse, denuncia a entidade, "como un expediente máis, sen prestarlle a importancia que se lle debía dar".

Comentarios