Os Rías Baixas Fest deixan atrás a pandemia

O calendario deste ano contará con festivais desde o 2 de xño até o 11 de setembro. Serán os eventos PortAmérica, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal, Sonrías Baixas, O Marisquiño e Revenidas.
Presentación dos festivais Rías Baixas Fest (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación dos festivais Rías Baixas Fest (Foto: Nós Diario)

Os Rías Baixas Fest, a marca da Deputación de Pontevedra que acolle aos festivais musicais de gran formato, inauguraron esta terza feira tempada.

Responsábeis dos eventos, representantes municipais dos concellos onde se realizan e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostraron na cidade do Lérez como serán os sete encontros deste ano: PortAmérica, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal, Sonrías Baixas, O Marisquiño e Revenidas.

Silva destacou a aposta dos Rías Baixas Fest pola igualdade, e agradeceu neste senso que abran as portas ás novas artistas musicais do programa provincial 'Descúbreas'. 

A volta á normalidade centrou as intervencións de Jordi Lauren, director do Festival SonRías Baixas, e de Ana San Román, do Festival PortAmérica, que falaron en nome de todos os eventos. Recordaron que a pandemia "nos puxo ante un reto que criamos inasumíbe durante moitos meses" e Lauren agradeceu neste senso o "apoio incondicional" a unha marca "xa consolidada".

O director do Sonrías Baixas subliñou que "vimos dun período  de desacougo e  temos que volver convivir e reactivarnos de verdade. A verba coa que me quedo este ano é a de ilusión".

Do 2 de xuño ao 11 de setembro

Os Rías Baixas Fest arrancarán co PortAmérica que terá lugar do 2 ao 4 de xuño en Portas e Caldas.

O calendario seguirá en xullo, onde desde o día 15 até 17 se realizará o Atlantic Fest (Vilagarcía) e o Vive Nigrán, desde 22 até 24 o Sinsal na illa de San Simón. Agosto comezará co Sonrías Baixas, no municipio de Bueu, que está previsto  do día 4 ao 6, mentres que do 12 ao 14 será a quenda do Marisquiño de Vigo. Por último, do 7 ao 11 de setembro terá lugar o Revenidas en Vilaxoán (Vilagarcía).

Comentarios