Cultura

O SonRías Baixas espalla a súa programación á primavera

O festival de Bueu fará festas de presentación durante o mes de marzo na Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Mos, Ponferrada e Porto, ademais de no propio concello.
Festival SonRías Baixas 2019
photo_camera Festival SonRías Baixas 2019

O festival SonRías Baixas espalla a súa programación durante o mes de marzo, adiantando o que serán os días fortes da súa 18ª edición, entre 30 de xullo e 1 de agosto en Bueu. Nesta primavera van ter lugar unha serie de festas de celebración ao longo da xeografía galega: A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Bueu e Mos, ademais de en Ponferrada e en Porto.

Estes “petiscos de música e filosofía SonRías” serán un punto de encontro entre artistas e público, que achegarán a outras cidades e vilas algunhas das propostas artísticas que xa son himnos do festival, como Dakidarría (unha das bandas que máis veces pisou o palco do evento), que presenta a súa proposta en acústico

Tamén pasará por estas festas SonDaRúa, unha formación nacida nas redes sociais que desenvolveu un directo potente co que agora defende un avance do seu novo traballo, que verá a luz en abril. Volven, así mesmo, os Poetarras, o colectivo músico-humorístico que reaparecerá ao calor do festival de Bueu, mais en Compostela. A proposta de world music de García Mc & Nación Quilombo pasará tamén por Porto ou Bueu.

Muyayo Rif e Ninhodelosrecaos Dj completan a oferta destes adiantos do Festival insignia do Concello de Bueu.

Comentarios