A Real Filharmonía de Galiza inicia unha temporada "inconformista"

A orquestra presentou esta sexta feira, 14 de xuño, o seu programa para a temporada 2024-2025. Baldur Brönnimann, director titular e artístico, pon en valor a pegada de creadoras e creadores que desafiaron os canons e abriron novas vías sonoras.
López, Hernández, Sannmartín, Brönnimann e García Fonte.
photo_camera López, Hernández, Sannmartín, Brönnimann e García Fonte.

A Real Filharmonía de Galiza (RFG) presentou esta sexta feira as chaves da temporada 2024-25 nun acto desenvolvido na Escola de Altos Estudos Musicais que contou coa participación de Goretti Sanmartín, alcaldesa e presidenta do Consorcio da Cidade de Santiago; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural; Belén Hernández, xerente do Consorcio de Santiago; Xaquín López, director-xerente do Auditorio de Galiza; Baldur Brönnimann, director titular e artístico da RFG; Sabela García Fonte, directora técnica da orquestra; e Raquel García-Tomás, a primeira compositora en residencia da RFG.

Inconformistas é o lema dunha temporada co foco posto en compositoras que desafiaron as normas estabelecidas, abrindo novos territorios sonoros. Así, a programación ten como fío condutor a música de tres figuras destacadas: parte de Beethoven, "o inconformista orixinal" quen sentou as bases do repertorio orquestral moderno; detense na figura de Berlioz, grande experimentador da tímbrica, e esténdese até o presente, coa atención á compositora Raquel García-Tomás.

Seguindo este fío, a tempada percorre a traxectoria e as obras de artistas incomprendidas no seu tempo cuxa pegada é hoxe indiscutíbel: aos nomes de Schubert, Bruckner, Mahler, Ives, Varèse ou Frank Zappa , súmanse os de mulleres como Marianne von Martinez, Elisabeth Jacquet de la Guerre, Ruth Crawford-Seeger, que contribuíron a traspasar fronteiras sonoras e de xénero. 

O inconformismo, a chave para avanzar

Na súa intervención a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou o valor do concepto da nova temporada, sinalando que “cando non nos conformamos, medramos, somos mellores e estamos na vangarda”. Así, fixo fincapé no extraordinario repertorio que interpretará a Orquestra, que mesturará pezas clásicas con novas creacións, facendo posible chegar a todos os públicos e incorporando novos ouvintes. Asemade, Sanmartín lembrou o importante papel que a RFG xoga como motor social e cultural da cidade, que posibilita que a sociedade goce dun dereito colectivo como é a cultura.

O inconformismo é, sen dúbida, a chave para avanzar, en calquera eido da vida, e tamén na música. Baldur Brönnimann, director titular e artístico da RFG, explicou que moitas das grandes obras musicais da actualidade foron no seu tempo pezas controvertidas, que foron en contra de convencións e romperon moldes.  “Se se mira atrás, a historia da música é a historia de inconformistas”, apuntou. Repasando a proposta musical para a temporada 24-25, salientou o gran reto e responsabilidade da Orquestra, que apoiará o tecido musical de Galicia e impulsará a nova creación para xerar un patrimonio galego musical de cara ao futuro.

Novas figuras: artista en residencia e compositora en residencia

A RFG incorpora neste curso dúas novas figuras artísticas en residencia que ocuparán un papel central na exploración de novas sonoridades e camiños creativos. Por unha banda, a violinista e directora francesa afincada en Vigo Amandine Beyer, recoñecida como unha das violinistas barrocas máis extraordinarias da actualidade, dirixirá a orquestra en tres programas con repertorio histórico. 

Por outra banda, a compositora Raquel García-Tomás, Premio Nacional de Música 2022, estará presente na programación da orquestra con tres obras. Unha delas, Ceci n’est pas une vals, é unha co-encarga da Real Filharmonía, o Palau de la Música Catalana, a Orquestra Simfònica del Vallès e a Fundació Catalunya-La Pedrera, e será presentada en estrea absoluta o día 7 de novembro.

Alén da incorporación destas novas figuras, o estímulo á anovación creativa toma forma coa presentación doutras dúas obras feitas por encarga da Real Filharmonía para esta temporada: a compositora vasca Helga Arias presentará no mes de marzo unha obra realizada en co-encarga coa Orquestra Basel Sinfonietta e o galego Miguel Matamoro estreará en maio a súa peza Endurance, feita tamén por encarga da orquestra.

Solistas e directoras/es

Artistas de sona na contorna estatal e internacional volverán acompañar a RFG durante esta temporada. Vellos coñecidos como Pablo González, Jessica Cottis, Jordi Francés, Diego Martin-Etxebarria, ou Nil Venditi uniranse a novas descubertas como a enérxica directora Chloé van der Soeterstède e intérpretes de excepción como Vadym Kholodenko, Noelia Rodiles ou Vasco Dantas (ao piano), Iñaki Alberdi (ao acordeón), Alena Baeva (ao violín) Sara Ferrández (á viola), Marie-Claude Chappuis (mezzosoprano) ou Juanjo Guillén (na percusión).

Talento galego

A Orquestra non esquece o seu compromiso coa promoción e estímulo do talento musical galego, que tomará de novo o escenario da man de cantantes como Emilia Pérez, Lucía Iglesias e Lucas López (nun proxecto en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago). En decembro, o director Javier Fajardo, a soprano Susana García Pico e o contratenor Alberto Miguélez protagonizarán o proxecto participativo Cantamos! no que coros de toda Galicia se unirán para realizar dous concertos. E no mes de marzo fará a súa intervención o destacado trompista David Fernández, na actualidade solista da Orquestra Filharmónica de Rotterdam.

Apoio ás novas xeracións

Ao asumir a dirección da RFG, Baldur Brönnimann expresou a firme intención de converter os espazos habitados pola Orquestra en contornas idóneas para o acollemento e promoción de novos talentos musicais. Este propósito constatouse na temporada 2023-24 en iniciativas novidosas como o Obradoiro de composición de obras sinfónicas ou a selección dun director asistente mediante un proceso competitivo resolto a finais de 2023 que lle valeu o posto ao estadounidense Sebastian Zinca.

Incorporado ao traballo regular en xaneiro de 2024, Zinca enfronta agora a súa primeira temporada completa coa Orquestra nun período no que o apoio ás novas xeracións se consolidará coa convocatoria dun Obradoiro de dirección no mes de decembro e o desenvolvemento do 2º Obradoiro de Composición -en colaboración co Festival RESIS- no mes de maio.

Comentarios