Raquel García-Tomás é a compositora da ópera

Marta Pazos estrea 'Alexina B.' no Gran Teatre do Liceu de Barcelona

A estrea de Alexina B. no Grande Escenario supón un fito para a historia do liceu: é a segunda ocasión que o teatro estrea unha ópera composta por unha muller nos seus 175 anos.
A directora de escena viguesa Marta Pazos. (Foto: Vanessa Rabade)
photo_camera A directora de escena viguesa Marta Pazos. (Foto: Vanessa Rabade)

A directora de escena nada en Vigo Marta Pazos dirixirá a próxima primavera a ópera Alexina B. O Gran Teatre do Liceu de Barcelona (Catalunya) conta entre os seus pratos fortes para esta tempada coa ópera de Raquel García-Tomás (Premio Nacional de Música 2020), na que Pazos asume a dirección de escena. A estrea de Alexina B. no Grande Escenario supón un fito para a historia do liceu: é a segunda ocasión que o teatro estrea unha ópera composta por unha muller nos seus 175 anos. A primeira ocasión foi hai case 50 anos, cando en 1974 Matilde Salvador estreou Vinatea

A directora viguesa acepta o reto de dirixir na escena o universo sonoro de García-Tomás, con quen xa colaborou en Je sui narcissiste (finalista dos International Opera Awards), e que, ao igual que nas súas últimas montaxes, afronta un traballo no que pon en cuestión os prexuízos, o heteropatriarcado e o binarismo de sexo e de xénero. Nesta ocasión, ademais, tamén teñen presenza a violencia das institucións médica e relixiosa. 

Alexina B., cuxo libreto asina Irène Gayraud, parte das memorias de Adélaíde Hérculine Barbin (tamén coñecida como Alexina B.), persoa intersexual nada en Francia en 1838, a quen lle atribúen o sexo feminino ao nacer. Medra nun convento e, co tempo, traballa de institutriz, ocasión na que namora dunha das súas compañeiras. 

Porén, nunha sociedade na que a aceptación da diferenza era complicada e a heterosexualidade a norma, Alexina reivindícase como home: cambia de sexo legal e de identidade para ser Abel Barbin. Mais, incapaz de adaptarse, suicídase.

A estrea absoluta de Alexina B., unha produción propia do Liceu, será o 18 de marzo de 2023. Nesta ópera, Pazos contará cun equipo conformado por profesionais como Max Glaenzel (escenografía), Silvia Delagneau (vestiario), María Cabeza de Vaca (coreografía) e Nuno Meira (iluminación). No ámbito musical, acompañarase da Orquestra Sinfónica do Gran Teatre do Liceu, dirixida por Josep Pons. 

Comentarios