'Rapa' e 'O corpo aberto' acaparan as candidaturas dos Premios Mestre Mateo

Rapa conta con dezanove candidaturas finalistas, O corpo aberto, con dezaseis, Código Emperador, con oito e Unicorn Wars, con seis.

Fotograma do filme 'O corpo aberto'.
photo_camera Fotograma do filme 'O corpo aberto'.

Os académicos Esther Estévez, Iolanda Muíños e Xosé A. Touriñán foron os encargados de dar a coñecer os nomes dos proxectos e profesionais finalistas da XXI edición dos Premios Mestre Mateo, desde o museo MEGA Estrella Galicia.

A primeira rolda de votacións sitúa a Rapa como a produción máis votada entre as 194 que se presentaron aos XXI Premios Mestre Mateo, con 19 candidaturas finalistas, seguida por O corpo aberto, con 16, Código Emperador, con 8 e Unicorn Wars, con 6.

Entre todos os profesionais finalistas da presente edición hai dous que contan con tres candidaturas: Alberto Vázquez, polo seu traballo en dirección, guión e dirección de arte de Unicorn Wars e Jorge Coira, pola montaxe de Rapa e a dirección de Código Emperador e Rapa.

Esta serie, dirixida por Jorge Coira e Elena Trapé, e a longametraxe de Ángeles Huerta O corpo aberto, acaparan as candidaturas das categorías de intrepretación e competirán por alzarse co trofeo a mellor dirección, dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son e vestiario.

En Rapa, Berta Ojea, Iria Sobrado e Paula Morado son finalistas na categoría de Mellor interpretación feminina de reparto e Lucía Veiga e Mónica López na de Mellor interpretación feminina protagonista. Ricardo de Barreiro e Adrián Ríos son finalistas como intérpretes de reparto e Javier Cámara como protagonista.

No caso de O corpo aberto, Elena Seijo e Federico Pérez Rey competirán nas categorías de reparto e María Vázquez, Victoria Guerra e Tamar Novas como intérpretes protagonistas. Completan as candidaturas de interpretación os traballos de Denís Gómez (reparto) e Luis Tosar (protagonista) en Código Emperador e Manuel Manquiña (protagonista) en O home e o can.

O corpo aberto é finalista a Mellor longametraxe xunto con Código Emperador, Live is Life e O home e o can. Despois de oito edicións sen presenza de longametraxes de animación, este ano hai dous filmes que competirán polo premio nesta categoría: Valentina e Unicorn Wars. As finalistas a Mellor documental son A foreign song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe.

As candidatas a ser recoñecidas como Mellor serie de TV son dúas producións emitidas por TVG, A lei de Santos e Saudade de ti; e outras dúas emitidas por plataformas de streaming: Operación Marea Negra, de Amazon Prime Video e Rapa, de Movistar +. Na categoría de Mellor serie web compiten Delicias amargas, Historias vageniales, Prigandas e Terapia de.

Na categoría de Mellor comunicador as académicas e académicos quixeron recoñecer o traballo de Esther Estévez, Simone Saibene, Xose A. Touriñán e Mario Brión Toucedo. No caso dos tres primeiros, tamén foron recoñecidos os programas polos que compiten na categoría de Mellor programa: Dígocho Eu, Cinephilia e Catro Gatos, ademais de Clac. Na categoría de Mellor realización son finalistas Rubén Veiga (Malo Será!), Simón Casal de Miguel (Artificial Justice), Simone Saibene (Cinephilia) e Jairo Iglesias (Catro Gatos).

As candidatas a Mellor videoclip son A quincena do Apóstol de Boyanka Kostova, Cobiza de A banda da loba, Noa de Guadi Galego e Pano Corado de Tanxugueiras.

As premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará o sábado 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense.

Comentarios