A sindicalista Margarida Corral sobre o Día de Rosalía

“É a primeira feminista da nación galega”

Nas olladas que se deitan sobre a figura de Rosalía de Castro conviven, case desde que en 1863 publicou Cantares Gallegos e disparou a literatura galega moderna, o poético e o político. Para a sindicalista Margarida Corral (Pontedeume, 1976), secretaria de Mulleres da CIG, a balanza inclínase cara a segunda vertente: “Foi a voceira das sen voz, a primeira feminista da nación galega”.
 

Margarida Corral, secretaria confederal de Muller da CIG
photo_camera Margarida Corral, secretaria confederal de Muller da CIG.

O vindeiro sábado fanse 181 anos -24 de febreiro de 1837- do nacemento da autora de Follas Novas (1880). “É unha figura importante para calquera muller que teña arraigo á terra”, entende Corral, para quen esta “feminista na sombra” foi reducida a “escritora melancólica polo patriarcado”. Durante décadas, a lectura da poeta estivo dominada polos tópicas do saudosismo e certa languidez. A dimensión revolucionaria de De Castro ficaba escurecida.

Corral non lembra con exactitude como bateu por primeira vez con ela. “Supoño que sería na escola, aínda que meu pai e miña nai tiñan libros de Rosalía na casa”, fai memoria, “mais, a medida que vas medrando, descobres outras faces da escritora”. Como as que revelan o texto rosaliano que escolle, o Lieders de 1858.

“Só cantos de independencia e liberdade balcuciron os meus labios, aínda que arredor sentise, xa desde o berce, o ruído das cadeas que debían aprisionarme, porque o patrimonio da muller son os grillóns da escravitude”, escribiu Rosalía de Castro -orixinalmente en castelán- nese manifesto de carácter ensaístico e, sobre todo, feminista: “Eu, porén, son libre, libre coma os paxaros, como a brisa; como os árabes no deserto e o pirata no mar”.

A responsábel da Secretaría das Mulleres da CIG explica que as sedes do sindicato nacionalista amencen decoradas coa frase “só cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus labios” cada 24 de febreiro, data en que naceu Rosalía de Castro en 1837. “Lieders é un texto que contén moitas citas que serven de homenaxe á propia poeta”, conclúe. Por caso, aquela en que di: “Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe os meus destinos”.  

Comentarios