O Festigal presenta a nova edición do concurso 'Novos Valores'

A comisión organizadora do festival, promovida por Galiza Nova (organización xuvenil do BNG) e a Fundación Galiza Sempre, anima a participar neste concurso a novas creadoras e creadores musicais como unha oportunidade para gañar visibilidade.
Presentación do cartaz da edición de 2023 do Festigal (Foto: Festigal).
photo_camera Presentación do cartaz da edición de 2023 do Festigal (Foto: Festigal).

O Festigal convocou esta sexta feira  a VII edición do concurso ‘Novos Valores’, unha iniciativa para potenciar e promocionar artistas emerxentes que fan música en galego.

A banda gañadora actuará o 24 de xullo, véspera do Día da Patria, no escenario principal deste evento multitudinario que ten lugar en Santiago de Compostela.

A comisión organizadora, promovida por Galiza Nova (organización xuvenil do BNG) e a Fundación Galiza Sempre, anima a participar neste concurso a novas creadoras e creadores musicais como unha oportunidade para gañar visibilidade.

 "Cada vez hai máis mozas e mozos neste país que crean en galego malia este contexto no que a nosa lingua perde falantes e cunha Xunta contraria á promoción da nosa cultura”, valorou a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, no acto de presentación.

Nese sentido, Gómez reivindicou o concurso ‘Novos Valores’ como “imprescindíbel” para fomentar a música en galego desde a base.

Unha iniciativa, explicou, que quere abrir novos espazos de “rebeldía” contra as políticas que discriminan a nosa lingua e promocionar o talento creativo e artístico na Galiza.

Durante a presentación deuse a coñecer tamén o cartaz desta VII edición do concurso, de novo a cargo do tatuador e deseñador Anxo Varela do proxecto ourensán Pruden Tatoo. “Un artista que tamén é un novo valor na súa disciplina, cunha estética propia, combativa e cun marcado carácter do país”, asegurou Lucía Veciño, da Fundación Galiza Sempre.

Bases e prazos 

O prazo para presentar traballos estará aberto desde este 3 de marzo até o 17 de abril.

As bases para participar no concurso pódense consultar na web festi.gal. A banda ou artista gañadora será anunciada o 27 de abril, tras a deliberación do xurado que este ano estará formado por Marta Gómez e Alberte García, de Galiza Nova; Lucía Veciño, da Fundación Galiza Sempre; os músicos Alberto Busto, Anxo Sánchez e Xavier Castro; e por Andrea Villa, como representante da industria audiovisual e da comunicación.

Comentarios