O BNG inicia o proceso para unha lei galega de dereitos culturais

Pontón pide "repensar" o sistema cultural galego.
bng cultura

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou onte o inicio do proceso para a elaboración dunha lei galega dos dereitos culturais e do sistema público de cultura que, explicou, será resultado "dun proceso participativo que conte cos principais axentes implicados no sector". Así o avanzou onte nunha comparecencia na que estivo acompañada pola portavoz nacionalista de Cultura e Lingua, Mercedes Queixas, entre outros. Pontón sinalou que nun momento de "transformación" despois de "40 anos da aprobación do Estatuto de Autonomía" é necesario "repensar e actualizar o sistema cultural galego con rigor". "Necesitamos unha lei que garanta os dereitos culturais e poña os procesos creativos no centro das políticas culturais", sostivo.

Infrafinanciamento

Nesta liña, manifestou que "a pesar de representar 2% do PIB e 3%do emprego", na Galiza a cultura atópase "infrafinanciada e infravalorada" pola Xunta, xa que este sector "sufriu as políticas de recorte dunha maneira moi drástica até situarse hoxe en 0,8% do orzamento".

A continuación, Pontón detallou que esta lei estará baseada en tres principios fundamentais: garantir o dereito da cidadanía ao acceso á cultura; un orzamento digno para o sector co compromiso de incrementar os recursos até 2% do orzamento galego anual; e redefinir o sistema institucional da cultura galega.

Así mesmo, asegurou que contará coa colaboración de asociacións e persoas expertas na materia e, ademais, tratará de actualizar o sistema cultural e o seu mapa de axentes, adaptar aos novos tempos as institucións culturais e promover a cooperación e coordinación entre o conxunto de administracións con competencias no sector.

Pola súa parte, Mercedes Queixas puxo en valor que se trata dunha proposta de lei integral que "quere ser participativa e transformadora" e que a cultura é "un dereito", polo que "hai que situar o sistema cultural no centro de gravidade".

Comentarios