Os Premios Xerais entréganse hoxe na 40ª edición: estas son as obras gañadoras

O Parador de Baiona será o escenario da festa.
María Reimóndez
photo_camera María Reimóndez

Esta fin de semana, no Parador de Baiona, celébrase a festa de entrega da cuadraxésima edición dos Premios Xerais, que este ano recoñecen a novela Ninguén contará a verdade, de Pedro Feijoo; a novela xuvenil Furia, de María Reimóndez, e a obra infantil A botella de lentellas, de Leticia Barbadillo. 

Os galardóns chegan á súa XL edición cun palmarés que abarca unha ampla diversidade de historias, da novela histórica ao thriller, pasando pola novela negra, obras intimistas, policiais ou de aventura. O premio Xerais é un referente para autoras e autores, pero tamén para as persoas lectoras que agardan por el todos os anos. 

Máis alá dun simple premio

O primeiro Premio Xerais entregouse en 1984 e recaeu na obra Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa. "Gañar foi un privilexio, e digo privilexio porque este premio converteuse no instrumento que impulsou as 16 edicións que se fixeron ata agora desta novela. Case un milagre!", conta o autor. O thriller, que ten como protagonista o detective Nivardo Castro acaba de ser relanzado na colección Peto de Xerais e considérase un verdadeiro best-séller, ademais de iniciar o xénero policial na literatura galega, tan presente a día de hoxe. 

Coa chegada ás librarías dos libros galardoados con este recoñecemento dábanse tamén a coñecer nomes de novos autores e autoras que publicaban por primeira vez. Moitos deles comezaron así exitosas carreiras literarias incluso sen acadar o galardón. É o caso do gañador deste ano, Pedro Feijoo, cuxa primeira novela, Os fillos do mar, foi publicada tras quedar finalista do premio en 2012. "Ao longo destes anos o Xerais puxo no mapa a moitos autores que logo fixeron carreira", explica o propio Feijoo.

Pero fóra do ámbito literario, os Premios Xerais son percibidos xa como unha data sinalada no calendario cultural na Galiza. "A súa importancia vai máis alá dun simple premio: os Xerais son un acontecemento cultural que nos interpela a todos os que na Galiza amamos os libros", conta Diego Ameixeiras

Comentarios