Pedro Feijóo, escritor

“Estou canso de recibir paus por poñer decenas de milleiros de lectores na mesa”

Pedro Feijoo (Vigo, 1975) apareceu practicamente da nada coa súa primeira novela, Os fillos do mar (Xerais, 2012). A estas alturas, a obra –a medio camiño entre a literatura de aventuras e o xénero policíaco– leva despachados máis de 50.000 exemplares. “Se existe algunha clave do éxito, é escribir pensando en que do outro lado hai lectores”, explica. Despois dos Fillos... encadeou outras tres pezas de narrativa xenericamente híbridas. Até chegar a Sen piedade (Xerais, 2018), un noir implacábel e pesimista que se desenvolve de Vigo a Compostela e viceversa. Eis un extracto da entrevista publicada no número 308 de Sermos Galiza.

[Imaxe: Yagoray] Pedro Feijóo
photo_camera [Imaxe: Yagoray] Pedro Feijóo

4Sen piedade é a súa obra máis pura en cuestión de xénero: é unha novela negra, cando noutros libros mesturaba thriller, novela histórica, aventuras...

É a miña novela máis persoal, máis íntima. As outras son novelas que se disfrazan. Os fillos do mar parece unha novela de aventuras. A memoria da choiva (Xerais, 2014) parece un thriller. Pero en realidade eran escusas para contar outra historia. Utilizo o canal da novela de aventuras ou o canal do thriller para contar outra historia por debaixo. Con Sen piedade non necesitaba dese artificio porque quería contar unha historia moi persoal. Moi íntima.

Trátase dun cambio de rumbo na súa traxectoria ou unha peza máis que nada implica?

Non, cambio de rumbo non. Porque en realidade eu en ningún momento o dixen nin foi a miña intención. Cando Os fillos do mar non dixen nunca: “Vou facer sempre ese tipo de novela” nin “vou ir sempre nesa dirección”. Son o descerebrado que, cando mellor ían as cousas, decidiu escribir unha comedia.

Morena, perigosa e románica (Xerais, 2015).

Si. Foi un disparate como un mundo. É dicir, non teño ningunha intención de quedar quieto facendo sempre o mesmo tipo de libro. De feito, o libro anterior a Sen piedade é un libro de historia, Camiñar o Vigo vello (Xerais, 2018).

Non planifica o seu proxecto literario a medio prazo?

Teño falado moito con [o novelista] Domingo Villar disto. El sabe que quere facer ese tipo de novela [negra, policíaca]. Paréceme fantástico. Porque ademais é moi difícil facelo ben constantemente. Pero non é o meu plan. De feito agora xa estou traballando na seguinte novela e é unha historia tamén negra, moi dura, moi violenta, con moita mala hostia, pero igual non é tan triste como Sen piedade. Iso si, non é que de súpeto faga o que me peta, porque as miñas novelas teñen moita planificación detrás.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 308 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios