Inma Núñez Núñez gaña o Premio Fiz Vergara Vilariño co seu primeiro poemario

'Unha casa onde vivir' é o título co que a autora natural de Rubiá logrou a vitoria por unanimidade do xurado.
Fiz Vergara Vilariño, o autor ao que este premio rende homenaxe.
photo_camera Fiz Vergara Vilariño, o autor ao que este premio rende homenaxe.

O xurado do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, que este ano alcanzou a vixésimo terceira edición, acordou este domingo outorgar o galardón a Inmaculada Núñez Núñez, unha muller nova que se estrea no mundo literario co seu primeiro poemario, o premiado. Trátase de Unha casa onde vivir e facilitou a deliberación do xurado, que o elixiu por unanimidade.

Eduardo Estévez, Marga do Valcolumnista de Nós Diario— e Jesús Castro Yáñez compuxeron o citado xurado, actuando como secretaria a presidenta da A.C. Ergueitas, María Casar Díaz, e como presidente o concelleiro da Área de Cultura de Sarria, César No Cortiñas.

Desde o xurado quixeron destacar a "enorme calidade" de todas as obras presentadas e, sobre a de Núñez Núñez, afirmaron que é un poemario "optimista" que "transloce un coñecemento, tanto real como fondamente imaxinario, da materia vivida e lírica, que trata con emoción e enxeño un reencontro co territorio".

A autora, natural de Rubiá (Valdeorras), "chega a ideas complexas con palabras de alento doméstico sendo sempre un son que convoca algo vencellado ao canto e nunca a un reclamo", valoraron sobre a obra galardoada co Fiz Vergara.

"É unha obra con conciencia de clase que refusa o panfletario ao integrar de xeito naturalizado unha visión política da vida. Por outra banda, os poemas que integran o poemario, á vez que son un elo dun conxunto sólido, teñen entidade propia. Isto ofrece unha dobre dimensión do libro, estruturado con sumo coidado e intelixencia lírica", engadiron.

Comentarios