Pontevedra viaxará de novo ao medievo

A Feira Franca programa ducias de actividades e espectáculos.
O Torneo Medieval na edición anterior. (Foto: Turismo Pontevedra)
photo_camera O Torneo Medieval na edición anterior. (Foto: Turismo Pontevedra)

A área de Festas do Concello de Pontevedra fixo público onte o programa definitivo da edición deste ano da Feira Franca, que terá lugar na Boa Vila os días 6 e 7 de setembro.

Os xograres, protagonistas da Feira Franca 2024, deixaron no século XV constancia: "15 días antes ou 15 días despois de San Bartolomeu ha de haber franco mercado, festa de renome na ilustre vila de Pontevedra".

Como é habitual, na tarde da sexta feira, pregoeiros a cabalo anunciarán o comezo da XXIII edición da Feira Franca polo centro histórico da cidade. E xa a partir das 22 horas será o momento do espectáculo inaugural na praza da Ferraría, onde a compañía Pablo Méndez Performance contará e porá en escena A Historia de Xan da Lus.

O sábado 7, ducias de actividades e de espectáculos tomarán as rúas e prazas do centro da cidade, entre os que destaca o clásico Torneo Medieval, en dous pases diferentes (17.30 e 20 horas).

Por suposto, estará aberto case desde primeira hora o Mercado Medieval, recrearase o transporte do viño polas rúas de Santa Clara, Sarmiento, Pasantaría, praza da Ferraría con remate na praza da Peregrina; e a música medieval tomará cada recuncho, ao tempo que a demostración de esgrima, os grupos de animación ou o tiro con arco estarán presentes na feira.

Pola tardiña, as ruadas medievais animarán a xornada a través dos tambores e a percusión, encarando unha longa noite de festa. Cómpre lembrar que as crianzas terán espazos de seu, tanto en Raíña Vitoria, coma nos soportais da Pedreira e na mesma Praza do Concello.

O programa deixa constancia de que grazas aos xograres "creouse a tradición oral, para que a literatura obteña un rexistro da súa memoria e sexa trazábel no tempo". E faise un convite á asistencia e o goce da festa, pois "precisamos historias novas coas que argallar poesía".

Unha poesía que estará a cargo de xograres vidos da Provenza, de Portugal e das cortes de Castela que se mesturarán con avezados trobadores e poderosas xograresas para encher de sátiras e críticas as rúas.

Compañías como Troula, Polavila ou A Xanela do Maxín xuntarán esforzos con coros, grupos de batucadas e grupos musicais animarán unha festa na que tampouco faltará unha concentración de embarcacións tradicionais da  Galiza no río Lérez.

Comentarios